Estás en:Novas

A Deputación colabora coa 11 edición d' A Radio Conta, que volve unir a todas as radios da Coruña a favor de ABAC

A Deputación colabora coa 11 edición d' A Radio Conta, que volve unir a todas as radios da Coruña a favor de ABAC

A Radio Conta volve polo Nadal. A undécima edición desta iniciativa das radios da Coruña estará dedicada este ano a ABAC, a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña e a visibilizar a loita contra os Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA).

O programa foi presentado hoxe nun acto que contou coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o xornalista Moncho Viñas, que será o encargado de conuducir o programa especial do vindeiro día 30, e directora de ABAC, Fátima Pérez.

Formoso destacou que A Radio Conta é unha iniciativa única en España, que une a todas as radios da cidade cada Nadal en favor dunha causa solidaria e incidiu na importante labor que desenvolve ABC coas persoas que teñen trastornos de conduta alimentaria. "Para nós é importante poder contribuír a mellorar o traballo de ABAC, como facemos con preto de 300 entidades sociais da provincia, que traballan 365 días ao ano e fan un traballo fundamental para o que reclamamos máis apoio ás administracións que teñen competencias no eido social", afirmou o presidente.

O programa especial, aberto ao público, emitirase desde o Teatro Colón da Coruña o sábado, 30 de decembro de 17h a 20h, con entrada libre. A emisión poderase escoitar pola frecuencia das emisoras implicadas.

Un ano máis, Moncho Viña será o encargado de conducir un equipo conformado por profesionais das emisoras das radios públicas e privadas da Coruña: Radio Galega -que achega a cobertura técnica-, RNE, SER, Onda Cero, RadioVoz, COPE, RadioMarca e InterCoruña .Preto dunha trintena de persoas conforman a redacción única e coral dunha iniciativa que ten como obxectivos a solidariedade e a homenaxe á radio local.

Nesta undécima edición, estarán no Teatro Colón o humorista David Perdomo, a artista Cristina Pato, o actor Juanillo Esteban ou os presentadores Rodrigo Vázquez e Paco Lodeiro. Pasarán polo escenario o novo reitor da Universidade da Coruña Ricardo Cao e os representantes dos grupos políticos na cidade herculina, nun programa cheo de sorpresas, dinamismo e conversas inusuais.

Ao longo das tres horas de programa, actuarán The Rapants, o Grupo Fua, Lúa Mosquetera e Namy and The Band. Un ano máis, non faltará o radioteatro con guión de Óscar Cruz, sen esquecer unha homenaxe ás figuras da radio e da vida pública galega que nos deixaron, como Pepe Domingo Castaño ou Arsenio Iglesias.

A emisión dará visibilidade nesta undécima edición a ABAC,a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña. A entidade leva 27 anos como referencia no tratamento integral dos Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA). No 2023 atenderon no seu centro terapéutico máis de 200 pacientes con idades comprendidas entre 11 e 84 anos, cunha demanda que se incrementou nun 75% respecto a antes da pandemia. Ademais de coñecer o labor de ABAC,o programa dará voz a profesionais, familias e persoas afectadas por algún destes trastornos.

A entrada ao programa é libre e non é necesaria invitación. Haberá un posto de de venda de material para axudar a ABAC e deixar donativos. Quen queira colaborar coa asociación pode tamén facelo a través do Bizum no número 01903.