Estás en:Novas

A Deputación avalía un proxecto para a recuperación do antigo sendeiro do Plantío

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e as deputadas de plans provinciais, Cristina García Rey e de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García López reuníronse coa Asociación de Veciños de Porto do Cabo e o alcalde de Valdoviño

Este proxecto, no que participan os concellos de Valdoviño, Cedeira e Cerdido, pretende converterse nun atractivo no camiño de Santo André

A Deputación avalía un proxecto para a recuperación do antigo sendeiro do Plantío

O vicepresidente da Deputación e deputado de turismo, Xosé Regueira, visitou a aldea de Porto do Cabo para reunirse coa Asociación de Veciños e o Concello de Valdoviño sobre o proxecto de recuperación do antigo carreiro do Plantío, nunha xuntanza na que tamén participaron as deputadas de plans provinciais, Cristina García Rey e de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García López.

Todas as partes coincidiron na necesidade de poñer en valor este sendeiro histórico, que forma parte do camiño de Santo André. Coa participación dos concellos de Valdoviño, Cedeira e Cerdido, este proxecto que une as pontes de Porto do Cabo e do Puntal potenciará non só o valor turístico da contorna, senón tamén o medioambiental e patrimonial, rescatando tradicións que definen unha identidade tan sinalada como a de Porto do Cabo.

A Asociación de Veciños incidiu nesta xuntanza, ademais, na importancia de recuperar espazos da veciñanza en estado de deterioro para dotalos de valor, como é o caso do antigo hospital de peregrinos, e para complementar o histórico sendeiro do Plantío e convertelo nun plan máis ambicioso de recuperación patrimonial e cultural.

A Deputación analizou, así, o estado do proxecto, e detallou os seguintes pasos para o seu desenvolvemento. A proposta enmárcase nos obxectivos estratéxicos do Xeoparque do Cabo Ortegal en canto á promoción dos recursos con singularidade propia dun territorio con gran riqueza non só natural, senón tamén histórica e cultural.