Estás en:Novas

Inaugurada en Ordes a primeira exposición da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle

A Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela, Tambre, Lengüelle desenvolve diferentes actuacións promocionais durante este mes de decembro

Inaugurada en Ordes a primeira exposición da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle

No día de hoxe inaugurouse na Alameda de Ordes a primeira mostra da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle. Esta mostra expositiva quere achegar e promover a vía máis longa de Galicia na época do Nadal.

Composta por diferentes paneis informativos, esta exposición será itinerante e achegarase a varios municipios do percorrido da Vía Verde. De feito, o día 30 de decembro a mostra trasladarase a Oroso ata despois de Reis.

Segundo a Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela, Tambre, Lengüelle, "esta mostra é unha das actividades que estamos a desenvolver nos meses de novembro e decembro, enmarcadas na subvención da Deputación Provincial da Coruña concedida á Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela, Tambre, Lengüelle. Unha nova identidade gráfica, as aperturas de perfís oficiais en redes sociais e Wikiloc son outras das actuacións xa levadas a cabo co obxectivo de promover e difundir a Vía".

Camiños de Historia, Cultura e Sabor: a Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle

Hai séculos, nas terras circundantes a Santiago de Compostela, os raís dun ferrocarril agora adormentado contaban historias que ecoaban entre vales e outeiros. Así, a Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle converteuse nunha senda que esperta a alma da rexión. Percorrer este camiño é mergullarse nunha viaxe no tempo, seguindo o eco de locomotoras que, antano, percorreron estas mesmas paraxes.

Así comeza esta mostra que quere recoller o espírito da Vía e promovela entre diferentes públicos como familias, amizades ou persoas de maior idade. Nos paneis informativos recóllense as características da Vía, as opcións para visitar durante o percorrido e a súa historia. A Vía Verde que se estende actualmente polos concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda seguindo o curso do río Lengüelle e recuperando xa 26 quilómetros das antigas vías do ferrocarril, é unha opción inmellorable para aqueles interesados no lecer, o sendeirismo ou o turismo de natureza.

Sobre a Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle


A Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle, construída pola Deputación da Coruña, é a  máis longa de Galicia. Coa posta das antigas vías do ferrocarril que unía Santiago coa Coruña e reutilizando 26 quilómetros de parte do seu trazado que atravesa os concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda, esta Vía Verde é un exemplo de recuperación e transformación de infraestruturas en desuso para obter unha nova vida e actividade.

A difusión desta información encádrase no marco da subvención concedida pola Deputación da Coruña á Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle.