Estás en:Novas

A Deputación renova o convenio co Concello da Coruña para a xestión do Teatro Colón

A deputada de cultura, Natividad González asinou un convenio de colaboración co concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro

A entidade provincial financiará con 500.000€ os custos da programación e o mantemento da instalación

A Deputación renova o convenio co Concello da Coruña para a xestión do Teatro Colón

A Deputación e o Concello da Coruña asinaron un convenio de colaboración para a ampliación da xestión do Teatro Colón, propiedade da entidade provincial, por parte do Concello, que o xestionará a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). A deputada de cultura, Natividad González foi a encargada de asinar o acordo co concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro

A Deputación, ademais, fará unha achega de 500.000€ para a xestión do Teatro, dos cales 350.000€ destinaranse aos custos da programación (persoal de xerencia e de asistencia técnica, espectáculos e actividades, streaming...) e 150.000€ a mantemento (ascensores, instalacións técnicas, subministración de auga e enerxía...).

Deste xeito, o IMCE continuará xestionando, un ano máis, a programación e desenvolvemento das actividades do Teatro Colón a través dun acordo que se enmarca nas políticas da Deputación de cooperación cos concellos. "Cedemos ao consistorio municipal estas competencias para que teña unha maior autonomía na xestión dun espazo que pertence á veciñanza da Coruña", sinala a deputada. "Queremos garantir o acceso á cultura de toda a cidadanía coruñesa".

Esta colaboración entre Deputación e Concello amplíase, así, ata 2025, debido a, tal e como sinalan ambas as dúas institucións, unha positiva experiencia que se reflicte na calidade da programación do Teatro Colón, que é xa un referente a nivel galego.