Estás en:Novas

AGA – Ucraína agradece o apoio da Deputación da Coruña para asistir ás persoas refuxiadas da guerra

Pavlenko agradeceu o apoio da Deputación para acoller persoas refuxiadas na residencia do IES Rosalía Mera e no envío de ambulancias para atender as necesidades da poboación civil ucraína

O presidente Valentín González Formoso e a deputada Mar García Vidal mantiveron unha reunión coa asociación para tratar a situación do conflito e as posibles formas de colaboración por parte da entidade provincial

AGA – Ucraína agradece o apoio da Deputación da Coruña para asistir ás persoas refuxiadas da guerra

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada provincial de Política Social, Mar García Vidal, mantiveron hoxe unha reunión coa presidenta da asociación AGA - Ucraína, Masha Pavlenko, para tratar a situación actual do conflito ucraíno e as posibles formas de colaboración por parte da entidade provincial.

A Asociación Galega de Axuda a Ucraína foi creada ao inicio da guerra para dar resposta inmediata ás necesidades da poboación desprazada na nosa comunidade autónoma, onde colaboran na acollida de persoas refuxiadas da guerra.

Formoso indicou que "desde a Deputación da Coruña mantemos o noso compromiso de colaboración coa asociación Aga – Ucraína para seguir asistindo e colaborando á hora de facilitar a vida das persoas refuxiadas que chegan á provincia da Coruña" e lembrou que, desde o inicio da guerra de Ucraína, Galicia acolleu a preto de 1.500 persoas.

Pola súa banda, a presidenta da asociación, Masha Pavlenko, agradeceu "o apoio da Deputación, sobre todo á hora de axudar aos refuxiados ucraínos que foron asistidos na residencia do IES Rosalía de Mera da institución provincial, así como as axudas que lle proporcionan á nosa asociación para manter a actividade diaria e as ambulancias doadas pola Deputación para atender as necesidades sanitarias da poboación civil".

Pavlenko indicou que "agardamos ampliar a nosa colaboración para poder seguir asistindo ao noso pobo nestes tempos de guerra que nos tocou vivir".

Desde o inicio da guerra no mes de febreiro de 2022, AGA - Ucraína mobilizouse para conseguir o envío de bens de primeira necesidade ás persoas en primeira liña deste conflito. Ademais, está a xestionar os proxectos humanitarios de axuda médica no seu país a través da colaboración coa asociación local Kolo, o que lles permite estar presentes nas diferentes zonas de guerra.