Estás en:Novas

O vicepresidente Xosé Regueira visita Baio para coñecer o estado das Torres do Allo

Acompañado do alcalde de Zas, Manuel Muiño, Regueira achegouse tamén ata as excavacións de Brandomil

Ademais, no eido desta visita, o vicepresidente reuniuse con Carmen Riveiro para falar da nova edición das xornadas do liño

O vicepresidente Xosé Regueira visita Baio para coñecer o estado das Torres do Allo

O vicepresidente Xosé Regueira visitou o Concello de Zas para coñecer de primeira man o estado das Torres do Allo, e tamén os últimos achados das escavacións de Brandomil. Nesta visita aproveitou para reunirse, ademais, coa presidenta da Asociación Amigos do Liño, Carmen Riveiro, para abordar a nova edición da Feira do Liño, coa que colabora a Deputación.

Durante a súa visita, Regueira constatou a existencia de filtracións de humidade nas Torres do Allo, particularmente nos muros e nas cubertas e, xunto co alcalde de Zas, comentaron as posibles obras para atallala. Entre elas, a posibilidade de cambiar as cubertas. Tamén coincidiron na necesidade de mellorar a accesibilidade dos baños de persoas con mobilidade reducida. Actuacións que contarán co financiamento da Deputación. Ademais, o vicepresidente achegouse ata as escavacións de Brandomil para coñecer os novos achados.

"As Torres do Allo é un dos símbolos máis emblemáticos da comarca e da provincia e, por iso, debemos protexelo e impulsalo" sinalou Regueira. "Traballaremos na mellora das súas condicións e tamén da accesibilidade para que todos os veciños e veciñas poidan desfrutar desta xoia patrimonial".

Por outra banda, Regueira reuniuse tamén coa presidenta da Asociación Amigos do Liño, Carmen Riveiro, para abordar a nova edición da xornada sobre o liño, que ten lugar nas Torres do Allo e que contará de novo coa colaboración das áreas de turismo e patrimonio da Deputación. Formulouse un cambio nas datas de celebración para que sexa na segunda quincena de xuño. Esta mostra, na que a organización xa comezou a traballar, contará ademais coa participación do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña, involucrando así á parte académica orientada ao téxtil.