Estás en:Novas

Formoso destaca a “aposta pola inclusión e a igualdade” de Hornos Lamastelle, onde traballan 110 persoas con discapacidade

Afirma que este centro especial de emprego de Oleiros "é un exemplo de que a igualdade de oportunidades non está reñida coa competitividade e a eficiencia empresarial"

O presidente da Deputación destaca a importancia de que as administracións aposten pola economía social, que supón o 7% do PIB e sostén 17.000 empregos en Galicia

Formoso destaca a “aposta pola inclusión e a igualdade” de Hornos Lamastelle, onde traballan 110 persoas con discapacidade

Formoso, durante a visita a Hornos Lamastelle

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe Hornos Lamastelle, en Oleiros, un centro especial de emprego de iniciativa social que forma parte de COGAMI Empresarial e produce empanadas e bolería fresca.
Acompañado de Mar García Vidal, deputada provincial de Política Social, Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami, Víctor Silva, conselleiro delegado de Cogami Empresarial, Manuel Santos, xerente da empresa e Herminio Martínez, presidente de Cegasal, Formoso coñeceu a historia e evolución da empresa, fundada hai tres décadas, e percorreu as instalacións da fábrica, que dá emprego a 110 persoas, a maioría delas con algún tipo de discapacidade.
"Hornos Lamastelle é un exemplo de que a igualdade de oportunidades non está rifada coa competitividade e a eficiencia empresarial", afirmou Formoso, que destacou a importancia de que as administracións "se impliquen, coñezan e valoren a importancia das empresas de economía social", un sector que en Galicia supón o 7% do PIB, sostén 17.000 empregos e factura 2.500 millóns de euros anuais.
Formoso destacou que "é un orgullo ver como funcionan iniciativas como esta, proxectos empresariais que fan que a integración laboral das persoas con discapacidade sexa real, que comezaron de forma modesta e van evolucionando e crecendo en base á súa aposta pola innovación e calidade" e considerou que "a lexislación ten que acompañar, distinguindo iniciativas de economía social reais coma esta doutras que só se vernizan como centros especiais de emprego."
Pola súa banda, o conselleiro delegado de Cogami Empresarial, Víctor Silva, coincidiu con Formoso na importancia de que "as administracións se impliquen e coñezan directamente a nosa realidade".
"Hornos Lamastelle é unha das once iniciativas de Cogami Empresarial que dá emprego a máis dun centenar de persoas, das que máis do 90% teñen algún tipo de discapacidade. Detrás de cada unha destas persoas hai unha historia de inclusión", afirmou Silva
Silva destacou tamén a importancia de apostar pola economía social "para lograr sociedades mais fortes, inclusivas e cohesionadas".
Visita ao centro ocupacional Lamastelle de Aspronaga
Valentín González Formoso e Mar García Vidal visitaron tamén esta mañá o centro ocupacional e o centro de día de Lamastelle, xestionados por Aspronaga.
Os responsables da entidade explicaron que os centros dan servizo a 375 persoas con discapacidade con servizos como residencia, centro de día, centro ocupacional, servizos de ocio e educación, apoiando a inclusión social e laboral.