Cultura da Deputación inviste 1,2 millóns en subvencións a festivais audiovisuais, musicais, de artes escénicas, mixtos e singulares
Os beneficiarios poderán recibir axudas de entre 3.000 e 75.000 €
O prazo para que concellos e entidades sen fin de lucro presenten as solicitudes estará aberto entre o 22 de xaneiro e o 22 de febreiro
O departamento de Cultura da Deputación da Coruña investirá neste exercicio 1,2 millóns de euros nos dous programas de subvencións a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas organizados na provincia durante 2024. No caso do FO221 —dirixido a concellos e entidades locais— o orzamento é de 550.000 € e os beneficiarios poderán recibir entre 3.000 e 75.000 €. E, no caso do FO223 —que inclúe o apoio a festivais mixtos e singulares e ao que se poderán acoller as entidades sen fins de lucro—, a partida é de 650.000 €, a repartir en axudas de entre 3.000 e 45.000 €. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto, nas dúas liñas, entre as 8 horas do 22 de xaneiro e as 14 do 22 de febreiro.
A convocatoria diríxese aos festivais audiovisuais, musicais, de artes escénicas, mixtos e singulares que se celebren na provincia da Coruña e cumpran o requisito de seren eventos culturais con identificación e marca propia e recoñecible, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, organizados periodicamente, con data de celebración consolidada e orientada á consecución de públicos amplos ao redor dunha proposta de contidos coherente e definida.
"O ámbito dos festivais", explica a responsable provincial de Cultura, Natividade González, "é un dos campos que, no cuantitativo e no cualitativo, máis está a centrar as políticas de fomento do noso departamento nos últimos anos, con liñas de subvencións específicas, criterios claros e transparentes e permanente diálogo coas entidades interlocutoras dos diferentes sectores".
"Este apoio", salienta, "permitiu que, desde 2019, as cantidades económicas que reciben moitos dos festivais por parte da Deputación se duplicasen ou triplicasen, contribuíndo de xeito claro á mellora da calidade das programacións e, sobre todo, á mellora das condicións sociolaborais e organizativas dos eventos subvencionados. No actual mandato, queremos seguir mantendo ese nivel de apoio e de estabilidade orzamentaria".
En 2023, 55 concellos, entidades locais e entidades sen fins de lucro se beneficiaron destas dúas liñas de axuda, que lle supuxeron á Deputación un investimento de 1.108.824 €. Cineuropa, Curtocircuíto, Cinema Miúdo, a Mostra de Curtametraxes Vila de Noia, a Mostra de Teatro Galego de Cariño, a Foliada de Melide, Jazz Noia, a Carballeira de Zas, a Mostra de Cinema Periférico da Coruña (S8), o FIOT, o Atlantic Pride, ou o Feito a Man foron algúns dos festivais subvencionados.
Tanto as solicitudes como o resto da tramitación realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña: sede.dacoruna.gal.
As bases das convocatorias pódense consultar no 29 de decembro de 2023 e descargar nas seguintes ligazóns: i.gal/UJOWr, para os concellos, e i.gal/XeOfv, para as entidades sen fins de lucro.