Estás en:Novas

A Deputación financia a adquisición de vehículos para os servizos de Axuda no Fogar de Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro e Coirós

Con estes son xa 15 os concellos coruñeses que contan cun vehículo da Deputación para os desprazamentos das traballadoras do SAF, que realizan unha gran cantidade de desprazamentos no seu día a día

A Deputación financia a adquisición de vehículos para os servizos de Axuda no Fogar de Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro e Coirós

A Deputación da Coruña financia con 100.000 euros a compra de cinco novos vehículos a outros tantos concellos da provincia para realizar os desprazamentos do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A concesión vén de publicarse no Boletín Oficial da Provincia.

Os concellos beneficiarios nesta convocatoria foron Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro e Coirós, que se suman aos das Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia e Oza-Cesuras, aos que lles foron concedidos tamén vehículos o pasado mes de decembro. En total, 15 municipios coruñeses dispoñen xa dun vehículo adquirido pola Deputación para os desprazamentos diario do persoal do SAF.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso destacou que "esta liña de axudas correspóndese cunha das principais demandas por parte dos concellos da provincia, xa que as persoas traballadoras no Servizo de Axuda no Fogar realizan unha gran cantidade de desprazamentos no seu día a día".

Pola súa banda, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, apuntou que "este problema ten especial incidencia nos municipios rurais, onde hai maior dispersión da poboación, o que obriga ás profesionais do SAF a percorrer unha cantidade considerable de quilómetros, o que ata agora se viña asumindo con vehículos particulares".

A deputada explicou que as axudas, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a concellos que presten o SAF con persoal auxiliar propio. Ademais, deberán adscribir o vehículo aos servizos sociais para o seu uso durante toda a súa vida útil.

Ligazón ao BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/01/11/2024_0000000156.html