Estás en:Novas

Lei da calidade alimentaria de Galicia.

XUNTA DE GALICIA

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia.
Artigo 65. Contratación pública de produtos alimenticios
1. Nos contratos do sector público autonómico que teñan por obxecto a subministración de produtos alimenticios ou nos contratos de servizos ou de concesión de servizos para cuxa execución sexa imprescindible a utilización deste tipo de produtos, procurarase a compra pública socialmente responsable de alimentos saudables procedentes de sistemas de produción sustentable e respectuosos co medio e que garantan a seguridade e a calidade alimentarias.
2. Para cumprir o previsto no punto 1, nun prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, a consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes propoñerá, para a súa aprobación polo Consello da Xunta e após o informe do órgano consultivo autonómico en materia de contratación, unha guía procedemental en que se recollan as condicións ou os criterios sociais, ambientais e de calidade alimentaria que resulten axeitados e garden vinculación co obxecto do contrato, de conformidade coas previsións da lexislación vixente en materia de contratos do sector público. Entre eles poderanse incluír os seguintes criterios:
a) Ambientais, incorporando a contribución á preservación do medio e á loita contra o cambio climático, a través da minimización da pegada de carbono e, en especial, das emisións de CO2 á atmosfera nas actuacións de aprovisionamento e transporte de alimentos, así como da redución ao mínimo dos residuos alimentarios e de envases de alimentos.
b) De calidade diferenciada, incorporando a utilización, entre outros, dos produtos seguintes, con suxeición aos requisitos establecidos nos artigos 126 e 145 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público:
1º) inscritos nos rexistros europeos de denominacións de orixe protexidas e de indicacións xeográficas protexidas, ou
2º) con certificación ecolóxica.
A citada guía será obxecto de publicación no Portal de transparencia da Xunta de Galicia e na páxina web do órgano consultivo de contratación da Comunidade Autónoma de Galicia, para acadar a súa máxima difusión.