Regueira salienta na estrea de “Voces da Conserva” o potencial turístico e cultural desta emblemática industria
O vicepresidente e deputado de turismo asistiu á presentación do documental da Mancomunidade Barbanza Arousa, financiado pola Deputación
"A industria conserveira é patrimonio, historia, cultura e marca país, e debemos potencialo, con orgullo, como recurso diferencial e con identidade propia" apuntou o vicepresidente
O Pazo de Goiáns acolleu onte a estrea do documental "Voces da Conserva", da Mancomunidade Barbanza Arousa, financiado con fondos da Deputación destinados a potenciar a estratexia turística do territorio. O vicepresidente Xosé Regueira destacou o potencial da conserva como recurso turístico, ao tratarse dunha "industria con moita historia e identidade, que é patrimonio, cultura e marca país e que debemos potenciar con orgullo".
Regueira salientou tamén o traballo da Mancomunidade, que demostra "moito cariño polo territorio, buscando produtos turísticos de diferenciación e de calidade". Exemplo diso é o patrimonio conserveiro, "un elemento fundamental, de memoria, sinónimo de desenvolvemento, e tamén de mulleres traballadoras, que temos que poñer en valor como país".
Esta peza audiovisual enmárcase na campaña turística da Mancomunidade Barbanza Arousa e promove a concienciación e sensibilización sobre a importancia histórica da conserva e as fábricas de salgadura a través do seu patrimonio material e inmaterial. Esta será a aposta da Mancomunidade en Fitur, que exhibirá a súa identidade conserveira como reclamo turístico de máximo nivel.
Unha aposta que vai en liña coa estratexia da Deputación. "Dirixímonos a un perfil que busca calidade e tamén, neste caso, un turismo baseado na industria e no patrimonio" sinalou Regueira. "Para iso, debemos sentirnos orgullosos da tradición conserveira do país, onde somos líderes non so pola cantidade, senón tamén pola calidade".