A Deputación presentará en Fitur a estratexia de sustentabilidade turística da provincia
Os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino serán os protagonistas dos actos oficiais da entidade provincial na Feira especializada en Turismo máis representativa do Estado
"Estes plans enmárcanse nunha estratexia global que promove un turismo sostible medioambiental, económica e socialmente" apunta o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira
Os cinco Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da Deputación (Fogóns do Anllóns; Fragas do Eume; Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal; Vía Verde Compostela - Tambre – Lengüelle e Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra) serán os protagonistas dos dous actos institucionais que a área de desenvolverá en Fitur. O vicepresidente e deputado Turismo, Xosé Regueira, será o encargado de encabezar a delegación da provincia na Feira, na que tamén participarán diferentes representantes das comarcas dos plans (Bergantiños, Eume, Ortegal, Santiago e Ferrolterra).
"Queremos levar a un dos eventos máis importantes de turismo a nosa proposta, baseada na sustentabilidade medioambiental, económica e social, que pasa por manter a autenticidade do territorio, contribuiír á xeración de riqueza local e á fixación de poboación no rural, dende o máximo respecto medioambiental", apuntou. "Ofrecendo produtos turísticos diversos e de gran calidade, que poñen en valor a nosa identidade, e se dirixen a un perfil que demanda unha oferta caracterizada polo patrimonio, cultura, gastronomía, cultura, ocio activo... Todo iso é o que se pode atopar nos nosos Plans de Sustentabilidade Turística".
A primeira das citas da Deputación en Fitur será a presentación de "Provincia da Coruña, territorio sostible" que terá lugar o mércores 24 ás 13h no stand de Galicia. Nesta presentación formularase unha reflexión sobre a importancia de levar a cabo prácticas sostibles a través dun audiovisual que complementará ás intervencións do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; a do deputado Antonio Leira e a do presidente, Valentín González Formoso. Tamén se proxectará un vídeo de promoción da Vía Verde Compostela – Tambre- Lengüelle.
A segunda das citas será o venres 26 ás 13h, na que o vicepresidente falará do "Cabo Ortegal, Territorio xeolóxico" nunha presentación sobre os xeoparques mundiais da UNESCO en Galicia, na que tamén participarán representantes da Xunta, da Rede Mundial de Xeoparques, e de diferentes entidades e concellos.
A Deputación reforza, así, a súa aposta por dar a coñecer os Plans de Sustentabilidade, sufragados en parte polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea, que contan cun investimento de 7,8 millóns, co obxectivo de promover un turismo baseado no respecto medioambiental, a implicación da poboación local, a xeración de riqueza na contorna máis próxima e a preservación do medio natural.