Estás en:Novas

Turismo da Deputación saca músculo en Madrid Fusión cunha programación propia de máis de 30 actividades

Dende o 29 ao 31 de xaneiro participará nesta feira gastronómica coa súa marca "A provincia que sabe"

Showcookings con chefs de primeiro nivel, degustacións, charlas e exposicións conforman a súa programación nun stand protagonizado tamén por produtores de proximidade

Turismo da Deputación saca músculo en Madrid Fusión cunha programación propia de máis de 30 actividades

Turismo da Deputación volve viaxar a Madrid, esta vez para levar a Madrid Fusión a súa marca turística e gastronómica "A provincia que sabe" durante os días 29, 30 e 31. Faino cunha ambiciosa programación propia formada por máis de 30 actividades entre as que se atopan showcookings con chefs de primeiro nivel, degustacións e mostras da man de produtores locais, charlas e talleres, exposicións, e a súa xa recoñecida exhibición do tradicional ritual da queimada.

Chefs de primeiro nivel
Durante estes tres días, a entidade provincial estará representando nesta feira gastronómica os diferentes xeodestinos da provincia a través da súa cociña e os seus produtos. Así, restaurantes como As Garzas, Pementa Rosa, Terra de Fisterra e Balarés (Costa da Morte); A Maceta (Terras de Santiago); Sinxelo de Ferrol (Ferrolterra), e a Artesa da Moza Crecha (As Mariñas) exhibirán o seu bo facer a través de showcookings protagonizados por produtos de proximidade, caracterizados pola súa vinculación co seu territorio. No caso de Sinxelo de Ferrol, elaborará unha receita con "algas da provincia da Coruña", de Algas Mar de Ardora.

Produtores de proximidade
Os produtores amosarán tamén o seu traballo, fiel á súa orixe: A Castrexa; Os Biosbardos; Cafés Aruba; Xearte Brigitte; Choiva Viños; San Isidro Bakery; Vermú Lodeiros; Bonilla a la Vista; Adega entre os ríos; a Despensa de Lujo ou Costumes empanadas de Galicia son algúns dos expositores que participarán no stand da Deputación en Madrid Fusion.

Con esta programación Turismo da Deputación aposta por unha "oferta variada e diversa de actividades, como o é a nosa provincia", sinalou o vicepresidente e deputado de turismo Xosé Regueira. "Ademais de exhibir a nosa riqueza gastronómica e cultural, queremos contribuír a poñer en valor o gran traballo dos nosos profesionais, tanto da cociña como do sector agroalimentario, nun foro tan relevante como é Madrid Fusión".