Día da ilustración: Xesús "Chichi" Campos
O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O Día da Ilustración do 2024 está dedicado a Chichi Campos.
Xesús Campos Álvarez, máis coñecido como Chichi Campos, (San Cristóbal de La Laguna 1952 - Santiago de Compostela 1991), foi un humorista gráfico e xornalista galego. Considerado como un dos publicistas con maior talento e vea crítica das décadas dos setenta e oitenta do século XX, e gran pioneiro da banda deseñada en galego.
Intelectual libertario e comprometido, amais de rexentar unha libraría, dirixir unha sala de exposicións e varios outros traballos similares, exerceu de debuxante, deseñador, articulista e guionista. Sempre cun humor intelixentemente ácido.En 1972 fundou (con Xosé Díaz Arias e Luís Caparrós Esperante) o grupo de banda deseñada do Castro. Dende Xenebra (Suíza) publicou co seu grupo primixenio o único número da magazine de vangarda e crítica social A Cova das Choias (1974), considerada a primeira revista do cómic galego.
As súas viñetas, subversivas e punxentes nas súas críticas, parodiaban o acontecer político, social e cultural da Transición española. Non escaparon á súa crítica gráfica e textual ningún dos estamentos económicos, militares e relixiosos dos primeiros anos da democracia e autonomía.
É autor de traballos publicitarios e xornalísticos da máis diversa índole. Colaborou nos máis importantes xornais da prensa do momento (El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Diario 16 de Galicia, El Progreso e La Región) e en publicacións mais radicais como Mundo Obrero ou A Voz do Pobo, en A Nosa Terra, e na revista de humor gráfico e literario Can sen dono. Tamén colaborou na TVG como guionista.
O humor de Chichi Campos era completamente heterodoxo. Crítico na percepción do mundo, sempre resultaba sutilmente elegante e inconformista nas súas realizacións. O chichi publicista foi o mellor cronista dos primeiros anos da Galicia autonómica.
A seguir deixámosvos algúns enlaces para aquelas persoas que queiran afondar na súa figura e obra:
- Biografía elaborada polo Consello da Cultura Galega
- Páxina de Facebook en homenaxe ao ilustrador
- Ficha do autor na páxina de Cultura Galega
- Páxina web do Día da Ilustración