Estás en:Novas

A Deputación exhibe en Madrid Fusión a materia prima de diferentes produtores de quilómetro cero

A Despensa de Lujo; Café Aruba; Licores Bello Blanco; Maruxas de Nata; Vermús Lodeiro; Choiva Viños; Bonilla a la Vista; Costumes Empanadas de Galicia; Conservas A Nosa e Queixo Galmesán forman parte da oferta da Deputación nesta feira gastronómica

A entidade provincial ofrece tamén outras actividades para promocionar a riqueza gastronómica e cultural da provincia como charlas sobre viños coruñeses, masterclass e degustacións con produtos locais

A Deputación exhibe en Madrid Fusión a materia prima de diferentes produtores de quilómetro cero

O sector agroalimentario da provincia da Coruña promocionará o seus produtos en Madrid Fusión da man da Deputación. O stand da entidade provincial conta cunha zona de exposición na que os produtores de quilómetro cero dan a coñecer os seus produtos. Mostra que se complementa, ademais, con outras actividades como showcookings, degustacións e masterclass.

Promoción de produtos locais
Así, nesta feira de referencia mundial, Turismo da Deputación exhibe a materia prima de A Despensa de Lujo, de Coristanco; os cafés de Café Aruba, da Coruña; os licores de Bello Blanco, de Carballo; as empanadas de Costumes Galicia, de Carballo; as galletas de Maruxas de Nata, de San Sadurniño; os queixos de Galmesán, de Arzúa; os viños de Choiva Viños (A Coruña); as patacas de Bonilla (A Coruña); as conservas de Conservas A Nosa (Ribeiro) e os vermús de Lodeiros (Santiago).

Charlas e degustacións
Ademais das mostras de produto, outras pequenas empresas de orixe local protagonizan outras actividades no stand da Deputación. É o caso de San Isidro Bakery, de Bergondo, que ofrece unha degustación dos seus famosos panettones, con sorteos entre o público incluídos. Tamén A Castrexa e Os Biosbardos, que presentan o seu proxecto e os seus snacks "Alrescha". Tamén Bodegas Lodeiros, que conta cun "momento vermú" que reúne a moitos asistentes interesados en coñecer a marca.

Pola súa parte, dende Choiva Viños ofrecen charlas sobre os viños da provincia, con cata incluída, e Algas Mar de Ardora, da man de Sinxelo Ferrol, imparte unha masterclass – showcooking sobre as algas da Coruña. Estas actividades desenvólvense durante os 3 días de feira, que rematan coa realización do ritual tradicional da queimada.

Unha oportunidade comercial e promocional
Para estes pequenos produtores, a participación en Madrid Fusión da man da Deputación, supón "unha oportunidade para establecer un contacto directo con profesionais e posibles clientes, para que coñezan o produto de primeira man" apuntan dende Bello Blanco Licores. Algo que tamén resaltan desde A Despensa de Lujo, "recibimos visitas de clientes de toda España, e establecemos contactos con cociñeiros. Visítannos profesionais moi interesados no produto, influencers e agricultores que nos ven como unha referencia no sector". Desde Costumes Empanadas de Galicia sinalan que "permítenos abrir mercado fóra de Galicia e realzar as calidades das empanadas galegas". Queixos Galmesán resaltan "o vínculo entre produtos galegos de calidade", xa que "tamén establecemos sinerxías entre nós, ademais de poder aprender e ver novas tendencias que aplicar nos nosos negocios" sinala A Castrexa.

Todos eles destacan as oportunidades comerciais que lles brinda a súa participación en Madrid Fusión, así como a posibilidade de poder asistir a un espazo cuxo acceso, ao tratarse de empresas pequenas e artesanais, lles resultaría máis complicado. "É un gran apoio para unha empresa pequena como a nosa", afirman Conservas A Nosa. "O paraugas da Deputación permítenos acceder a novos mercados e darlle visibilidade ás nosas marcas" sinala Maruxas de Nata. "É un excelente escaparate para o noso traballo", confirma Bodegas Lodeiros, "que nos axuda a encontrar distribuidores e a crecer en negocio e proxección", engade Choiva Viños. A empresa coruñesa Cafés Aruba, pola súa parte, apunta que "é un orgullo representar a provincia que sabe; A Coruña ten un sabor especial que revive a través de Madrid Fusión".