Estás en:Novas

Formoso defende a rehabilitación como piar da política de vivenda

O presidente da Deputación visitou co delegado do Goberno, Pedro Blanco, unha das Torres dos Mariñeiros do barrio coruñés de Monelos para coñecer o proxecto de rehabilitación do edificio, que beneficiará a medio centenar de familias

A comunidade de propietarios conseguiu unha subvención próxima ao millón de euros con cargo ao Plan de Recuperación do Goberno, co que se sufragará unha obra de mellora da eficiencia enerxética do inmoble

Formoso defende a rehabilitación como piar da política de vivenda

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu hoxe a rehabilitación como unha das dúas liñas básicas da política de vivenda. Foi durante a visita á Torre 6 do barrio coruñés de Monelos na compaña do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, con motivo da adxudicación de 970.000 euros aos residentes para executar un amplo proxecto de rehabilitación e mellora enerxética no edificio.

Formoso asegurou que dende a institución provincial se comparten "completamente" as políticas do Goberno central "que teñen que ver, por unha parte, con mellorar as condicións das vivendas que xa existen e están habitadas, e por outra, con garantir o acceso unha vivenda digna para quen non a ten". Dentro desas iniciativas, lembrou que o Estado transferiu 75 millóns de euros á Xunta de Galicia destinados ao bono de alugueiro social para mozos e mozas e outros 120 millóns para sufragar a construción de 750 vivendas de promoción pública.

O presidente provincial dixo que, especialmente no ámbito urbano, existe un problema de vivenda porque nos pasados 15 anos a Xunta só promoveu 5.000 vivendas, mentres que nos catro anos anteriores foron 10.000. "Hai que recuperar ese nivel de construción de vivenda de promoción pública", propuxo, para presentar como solución a colaboración público-privada. "Que o sector privado faga a súa parte, pero que a Administración equilibre todo o que ten que ver co acceso á vivenda en condicións de prezo accesible", concluíu.

Pedro Blanco destacou tamén "a implicación absoluta do Goberno de España con este tipo de obras que melloran a calidade de vida dos veciños" e animou a que nas próximas convocatorias das axudas se sumen moitas máis familias.

Ambos visitaron unha das coñecidas como Torres dos Mariñeiros de Monelos xunto á administradora da comunidade, Laura Marín; o arquitecto técnico encargado do proxecto, Javier Martínez, e un representante dos veciños, Lito Lorenzo. Alí deron a coñecer os detalles da intervención, para a que acadaron o 100 % da contía máxima subvencionable, o 80 % do custe total. A reforma beneficia a 53 vivendas, todas as que a solicitaron. A Xunta é a que concede a axuda, como Administración responsable de xestionar os fondos do Plan de recuperación transferidos polo Goberno para rehabilitación enerxética de vivendas, de 173 millóns de euros.

Cos 970.000 euros acadados, a comunidade de propietarios sufragará obras de illamento térmico das fachadas mediante un sistema SATE (polo exterior do edificio) que combina o material illante cun revestimento. Ademais, substituiranse as carpinterías exteriores por outras novas, cambiarase a cuberta de fibrocemento, que ten amianto, e renovaranse todos os sistemas de evacuación de augas e as baixantes. Estas actuacións contribuirán a que o edificio sexa máis estanco e, polo tanto, non permita a entrada de frío no inverno nin a perda de enerxía.

Segundo explicou o delegado do Goberno, nos últimos anos o Goberno transferiu á comunidade autónoma máis de 400 millóns de euros para contribuír a 25.000 obras de rehabilitación e para a construción de 1.200 vivendas de promoción pública.