Estás en:Novas

Formoso destaca “o traballo das xeracións que nos precederon para facer de Boiro unha das vilas máis puxantes da provincia”

O presidente provincial estivo hoxe no xantar de confraternidade da terceira idade do Concello de Boiro, que reuniu a medio milleiro de persoas no pavillón de Barraña
Salientou "o traballo que realiza o goberno de Jose Ramón Romero no ámbito social e de atención aos maiores coa axuda da Deputación"

Formoso destaca “o traballo das xeracións que nos precederon para facer de Boiro unha das vilas máis puxantes da provincia”

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou hoxe no xantar de confraternidade da terceira idade de Boiro e alí destacou "o traballo das xeracións que nos precederon para facer de Boiro o que hoxe é: unha das vilas máis puxantes da provincia".

Xunto ao alcalde boirense, José Ramón Romero, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, e a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, Formoso acompañou a máis de medio milleiro de persoas que se reuniron neste acto, organizado polo Concello no pavillón de Barraña e aproveitou para salientar "o traballo" e "a especial sensibilidade" do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o seu goberno no eido social e de atención ás persoas maiores, coa axuda da Deputación.

Un total de 92 persoas maiores en Boiro e 532 en toda a comarca de Barbanza contan co servizo de Teleasistencia da Deputación, que ademais financia neste ámbito comarcal máis de 50.000 horas ao ano de servizo de axuda no fogar.

Durante a súa intervención o alcalde eloxiou ás persoas maiores polo seu traballo e o seu esforzo. O alcalde recoñece unha labor pendente que as distintas administracións teñen con Boiro: "a residencia pública da terceira idade é unha necesidade que non se pode demorar máis e dende o Concello de Boiro imos seguir traballando este servizo para os nosos maiores".