Estás en:Novas

Turismo da Deputación organiza en Donosti un evento para exhibir a riqueza gastronómica da provincia

Baixo o nome "A Coruña cos 5 sentidos", a entidade provincial promocionará o sector agroalimentario e gastronómico nunha cita que terá lugar no hotel NOBU o mércores 21

Produtores locais exhibirán a súa materia prima que tamén será tratada polos cociñeiros do Restaurante Balarés nunha xornada na que os asistentes poderán degustar os saberes e sabores da provincia

Turismo da Deputación organiza en Donosti un evento para exhibir a riqueza gastronómica da provincia

Xosé Regueira

Turismo da Deputación leva a Donosti "A provincia que sabe", organizando un encontro no emblemático Hotel Nobu, onde o mércores 21 estará promocionando o sector agroalimentario e gastronómico, da man de diferentes produtores locais e os cociñeiros do Restaurante Balarés, que exhibirán ante o público donostiarra a materia prima da provincia.

Nun evento dirixido a un público profesional e baixo o nome "A Coruña cos 5 sentidos", a Deputación pon en valor "a excelencia dos nosos produtos, e tamén da nosa gastronomía", apunta o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira. "Queremos presumir do noso bo facer e dirixirnos a un perfil de visitante que valora a calidade e a sustentabilidade", engade, "por iso levamos a cabo iniciativas como esta, que forman parte da nosa estratexia de reivindicar un turismo e gastronomía de alto nivel como principal valor diferencial".

Berberechos do Anllóns, percebes do Roncudo, polbo de Mugardos, mexillóns do Barbanza, empanada de Carballo, grelos de Monfero ou queixo de Arzúa – Ulloa, entre outros, son algúns dos produtos que se presentan este mércores na cidade gipuzkoana nunha xornada que contará, ademais, cun showcooking do Restaurante Balarés, que cociñará diferentes pratos a base desta materia prima. Todo iso, maridado coas cervexas de Estrella Galicia; viños de diferentes puntos da provincia, de Choiva Viños, e vermús Lodeiros.

Produtores como A Despensa d´Lujo, Empanadas Costumes de Galicia, Queixo Galmesán, Vila sen Vento, Licores Bello Blanco ou Cafés Lúas, tamén formarán parte do menú deste evento gastronómico, que rematará na terraza do hotel onde, con vistas a "La Concha", terá lugar o postre, o networking e un sorteo de agasallos.