Estás en:Novas

A Deputación impulsa co Concello de Ames a creación de comunidades enerxéticas na provincia

O presidente provincial e o alcalde asinaron un convenio de colaboración para o financiamento da Oficina de Transformación Comunitaria do municipio, que prestará asesoramento a iniciativas de autoconsumo

Valentín González Formoso valorou a OTC como unha oportunidade para aproveitar a nivel local o potencial enerxético de Galicia e contribuír á transición cara unha produción libre de emisións de CO2

A Deputación impulsa co Concello de Ames a creación de comunidades enerxéticas na provincia

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ames, Blas García, asinaron hoxe un convenio entre ambas administracións para o cofinanciamento das actividades da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) do Concello de Ames. No acto participou tamén a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García.

O acordo recolle unha achega provincial de ata 25.200 euros, o que representa un 17,3 % do gasto que a OTC destinará a ese fin (145.200 euros).

Formoso sinalou a oficina amiense como "unha gran oportunidade para aproveitar a nivel local o potencial enerxético de Galicia" e como "unha aposta polo modelo de transición enerxética que apoia a Deputación". Apuntou, nese senso, que a transición enerxética "implica vantaxes como a creación de empregos e o abaratamento das enerxías", e que o fomento do autoconsumo a través das comunidades enerxéticas favorece ambos aspectos, porque estas organizacións permiten que as empresas socias sexan máis competitivas e que as familias socias reduzan a súa factura eléctrica e dispoñan de máis recursos para gastar nos negocios do territorio." Todo iso facilita a fixación de poboación no rural", dixo.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, sinalou que a sinatura deste convenio é un paso máis para a posta en marcha da OTC de Ames, que se converterá nun referente no asesoramento de creación de comunidades enerxéticas.

A OTC de Ames terá como principal cometido o asesoramento para fomentar a creación de comunidades enerxéticas. O seu obxectivo final é aumentar a produción de enerxía no entorno máis próximo, dun xeito sostible e coa participación dos propios consumidores. A intención é que se poidan beneficiar do proxecto tanto os concellos como a poboación, as empresas e as entidades privadas que participen nas comunidades enerxéticas que se poñan en marcha en Ames, pero tamén en municipios da contorna, como Brión, Negreira, Oroso, Val do Dubra, Teo, Boiro, A Baña, Padrón Muxía, Dodro, Rois, Vimianzo e Cee.

Co asesoramento aos proxectos, aproveitarase o abaratamento da subministración eléctrica que implica a implantación de enerxías renovables. O acompañamento ás comunidades servirá tamén para axilizar os trámites e acelerar a implantación de novas tecnoloxías de xeración. A OTC concretará ese acompañamento prestando apoio no deseño dos estudos de viabilidade, na busca de financiamento, na obtención de todos os permisos, nos procedementos administrativos e na xestión dos contratos para a conexión dos sistemas á rede.

As comunidades enerxéticas brindan unha oportunidade única para transformar o mercado enerxético, facéndoo máis resiliente e satisfacendo as necesidades da cidadanía, do tecido produtivo e da propia Administración, pero tamén fan posible avanzar cara a produción enerxética dun xeito máis participativo e contribúen á transición cara un modelo enerxético descarbonizado, máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

Oficina Provincial para a Transición Enerxética

O presidente destacou tamén que o compromiso da Deputación coa descarbonización e as oportunidades que ofrece materialízase, ademais, con iniciativas como a Oficina Provincial para a Transición Enerxética, que ofrece dende As Pontes asesoramento enerxético á cidadanía, ás empresas e ás administracións para xestionar trámites, promover accións formativas, beneficiarse de proxectos europeos ou favorecer a loita contra a pobreza enerxética.