Estás en:Novas

Regueira destaca en Biocultura o apoio da Deputación ás iniciativas de turismo sostible da provincia

O vicepresidente e deputado de turismo participou no acto de Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo en Biocultura onde afirmou que "sempre foi un modelo de boas prácticas a imitar"

A entidade provincial colabora con Biocultura "cunha importante achega de recursos a este evento, do que nos sentimos aliados e parte importante"

Regueira destaca en Biocultura o apoio da Deputación ás iniciativas de turismo sostible da provincia

Continúa a quinta edición de Biocultura, feira de ecoturismo que conta co apoio da área de Turismo da Deputación, "como un aliado estratéxico, pois compartimos valores e obxectivos no eido do turismo sustentable", apunta o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira.

Apoio da Deputación a proxectos turísticos sostibles
Durante a xornada de onte, Regueira participou nun dos actos da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, entregando os diplomas ás novas empresas certificadas na súa marca de calidade. Alí salientou o esforzo da entidade provincial na posta en valor das iniciativas de turismo sosible da provincia, e destacou o exemplo da Reserva da Biosfera: "sempre foi un modelo de boas práctias a imitar".

Dentro deste apoio inclúense tamén os entes de xestión dos diferentes xeo-destinos da provincia, "aos que axudamos a emprender plans de mellora da calidade e competitividade turística". Nese sentido, "a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo sempre aproveita os recursos que lle ofrecemos magnificamente; á vista está".

Iniciativas postas en marcha pola Deputación
Regueira fixo tamén referencia, como exemplo de estratexias de turismo sostible, aos 5 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da Deputación, "que teñen moito que ver coa filosofía que se respira en cada centímetro deste evento: alianza co territorio, coas súas xentes, coas súas paisaxes, coa súa identidade e loita contra o cambio climático". Estes ubícanse en diferentes partes da provincia, "estamos a executar plans no ámbito do Xeoparque de Ortegal, no Parque Natural das Fragas do Eume, na conca do Río Anllóns, no Patrimonio Histórico e Militar do Golfo Ártabro e na recuperación da primeira Vía Verde da provincia Santiago – Tambre – Lengüelle", detallou.

Outra da iniciativas de Turismo da Deputación que destacou o vicepresidente é a campaña turística e gastronómia "A provincia que sabe"; un selo de excelencia que inclúe a diferentes axentes da cadea agroalimentaria "que comparten con nós ese compromiso co territorio e coa súa identidade en canto á produción de alimentos e, por suposto, á súa transformación en bocados únicos".

O vicepresidente finalizaba así a primeira xornada de Biocultura, que continúa hoxe con diferentes actividades no stand de turismo da Deputación: degustacións, showcookings e ponencias para reflexionar e promover prácticas de turismo respetuosas coa contorna.