A Deputación colabora coa Asociación de Axencias Españolas de Xestión da Enerxía na convocatoria dos premios EnerAgen 2024
Os premios EnerAgen, dotados con 1.500 euros entregaranse o 13 de xuño en Granada. A inscrición está aberta ata o vindeiro 15 de abril
As solicitudes, que poden presentar persoas, empresas, administracións e comunidades enerxéticas, canalizaranse a través da Oficina para a Transición Enerxética da Deputación
A Deputación da Coruña colabora coa Asociación de Axencias Españolas de Xestión da Enerxía (EnerAgen), na décimo quinta edición dos Premios EnerAgen, para identificar os mellores proxectos e iniciativas públicas e privadas desenvolvidas na provincia en beneficio da transición enerxética.
As persoas físicas ou xurídicas, as administracións públicas e as comunidades enerxéticas que destacaran polo seu compromiso coa transición enerxética teñen ata o 15 de abril para presentar as súas candidaturas, que se canalizarán a través da Oficina para a Transición Enerxética da Deputación.
Nesta edición, o xurado escollerá as mellores iniciativas tanto públicas como privadas que destaquen polo seu enfoque innovador, o seu impacto enerxético e medioambiental e a súa contribución aos obxectivos da transición enerxética en calquera eido; enerxías renovables, eficiencia enerxética e mobilidade sostible, entre outros.
EnerAgen premiará tamén a mellor iniciativa no ámbito da educación, sensibilización e difusión da transición enerxética, e, por último, recoñecerase o compromiso da cidadanía, premiando a mellor iniciativa en materia de comunidades enerxéticas.
Os premios, patrocinados por Redeia, están dotados economicamente con 1.500 euros para a iniciativa gañadora en cada categoría, e entregaranse o 13 de xuño en Granada, nunha cerimonia organizada nesta edición co apoio da Oficina Provincial de Enerxía da Deputación de Granada.
Toda a información relativa aos premios, así como as bases da convocatoria, está dispoñible na páxina web https://www.premios.eneragen.org/.