Estás en:Novas

Igualdade da Deputación pon en marcha os obradoiros “Pasado, presente e futuro do fútbol feminino” en colaboración co Pastoriza SCD

Os 2 primeiros destes 5 obradoiros van ter lugar o día 20 de marzo ás 10:15 horas para alumnado do CEIP de Arteixo e ás 12:40 para o alumnado de 1º da ESO do IES Manuel Murguía

Igualdade pretende continuar cunha liña de traballo xa iniciada en 2016 na que os obxectivos son a sensibilización e a visibilización do deporte feminino, neste caso centrado no fútbol de base e nas experiencias de entidades que teñen moito traballo feito nos últimos anos

Igualdade da Deputación pon en marcha os obradoiros “Pasado, presente e futuro do fútbol feminino” en colaboración co Pastoriza SCD

A área de Igualdade da Deputación, liderada pola deputada Soledad Agra, pon en marcha 5 obradoiros sobre fútbol feminino en colexios da comarca para alumnado de primaria e de secundaria. O obxectivo destes obradoiros impartidos por Pablo Mariño, adestrador UEFA B da SCD Pastoriza fútbol base feminino; Pablo Pérez Vázquez, coordinador e promotor desta iniciativa; Cristina Oreiro, adestradora interría feminino 2º división RFEF ex xogadora do Pastoriza; Uxía Vázquez García, xogadora do SCD Pastoriza e por Carmen Rodríguez, ex xogadora dos anos 60 do SCD Pastoriza Femenino, é analizar a historia recente do fútbol feminino, a situación actual e a importancia do fútbol como medio de formación integral das nenas.

Serán obradoiros nos que as nenas e nenos poderán interactuar coas persoas participantes, preguntar e visualizar imaxes, así como poder saber como foi a evolución até a situación actual, mais tamén coñecer todos os atrancos que a día de hoxe se poden atopar no fútbol feminino e no deporte feminino en xeral.

Os dous primeiros destes obradoiros van ter lugar o día 20 de marzo ás 10:15 horas para alumnado do CEIP de Arteixo no auditorio do Centro de novas tecnoloxías e, posteriormente, ás 12:40 para o alumnado de 1º da ESO do IES Manuel Murguía.

Liña de traballo de Igualdade
Estes obradoiros que pon en marcha Igualdade da Deputación da Coruña dan continuidade a un camiño iniciado xa en 2016 co documental sobre deporte feminino "Contra os elementos", coa realización de 18 videoforums en toda a provincia da Coruña sobre deporte feminino ou coa publicación do libro da autoría de Cristina López Villar " Mulleres pioneiras no deporte".

Labor do SCD Pastoriza
O SCD Pastoriza ten na actualidade máis de 100 fichas de mulleres no club e conta con catro equipos na liga galega de promesas (campioas temporada 21-22); 1 na liga infantil galega (campioas na fase regular en 2022-2023); 1 equipo sénior na liga F/ -Liga Coruña FGF e outro equipo sénior na Liga de Fútbol 11 -2º división FGF.

O Pastoriza tivo nos anos 60 do século XX un equipo de fútbol de mulleres que xogaban de xeito periódico ao fútbol e que incluso se desprazaron a outras localidades da comarca coruñesa, mais foi nos anos 90 cando un grupo de mozas e mozos denominado " Os berróns" puxeron o fútbol feminino dentro da sociedade deportiva como un dos seus piares. En 1994 organizaron o I torneo de fútbol 7 feminino. Coa chegada do século XXI e coa celebración do 50 aniversario da sociedade foi o momento de crear equipos femininos permanentes e federados de xeito estábel. Nos últimos anos os equipos femininos do Pastoriza gañaron varios campionatos e organizáronse desde a sociedade varios campus deportivos de fútbol feminino e os campionatos de España sub 14 e sub 18 .

Desde o ano 2019 veñen realizando intercambios con equipos femininos doutros países de Europa, o Bath Youth da cidade inglesa de Bath, a Copenhague en 2023 e neste 2024 farano cun equipo de Aarau (Suíza).