A Deputación adxudica por 250.000 euros a mellora da seguridade viaria en tres tramos de estradas provinciais en Vedra
A actuación contempla a creación dunha senda peonil e unha área de aparcadoiro en liña na DP-8203 en San Xián de Sales
As obras, que tamén afectan á DP-1202, inclúen a instalación de nova sinalización e teñen un prazo de execución de 5 meses
A Deputación da Coruña vén de adxudicar a Construcciones D. Ogando, por valor de 252.199,09 euros, as obras de execución dun proxecto para mellorar a seguridade viaria en varios tramos de estradas provinciais dentro do termo municipal de Vedra. En concreto, trátase de dous treitos da DP-8203 e un da DP-1202.
No caso da DP-1202, os traballos afectan ao situado entre o punto quilométrico 1+000 e o 1+900, dende o velódromo ata o cruce que leva á igrexa de Vedra. No da DP-8203, desenvolveranse na zona comprendida entre o punto quilométrico 0+000 (onde conectarán coa actuación na DP-1202) e o 0+890, pasando por diante do Concello. Finalmente, actuarase entre os puntos quilométricos 6+100 e 6+680, na zona de San Xián de Sales.
O obxectivo destas actuacións é garantir a seguridade peonil nos tres tramos. En primeiro lugar, incrementarase a sinalización tanto vertical como horizontal. Aplicaranse sobre o pavimento bandas transversais de alerta e novos pasos de peóns, e colocaranse novos sinais verticais, tanto de perigo para advertir da presenza de viandantes como de velocidade máxima de circulación.
Ademais, en San Xián de Sales crearanse, na marxe esquerda da estrada, unha senda peonil e unha zona de aparcadoiro en liña. A senda estará ao mesmo nivel, cunha separación do estacionamento mediante delimitadores de caucho reciclado. Debido a que será necesario realizar un movemento de terras para gañar espazo suficiente, construirase un muro de contención para que se sosteña o terreo.
Os traballos teñen un prazo de execución de cinco meses contado a partir da sinatura da acta de traza de planta.