Moeche celebra esta fin de semana a súa VI Feira do Queixo, que conta co apoio da Deputación
Hoxe celebrouse a presentación, na que participou o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira; a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy; a deputada provincial e concelleira de Moeche, Cristina García Rey; a concelleira de turismo de Ferrol, María del Carmen García e o responsable da queixería chantadina Airas Moniz e secretario de QueRed, Xosé Mazaira
Esta colaboración enmárcase no compromiso de Turismo da Deputación de promocionar os saberes e sabores da Coruña baixo o paraugas "A provincia que sabe"
A sede ferrolá de Afundación acolleu esta mañá a presentación oficial da sexta Feira do Queixo de Moeche, Un evento que conta co apoio da Deputación da Coruña, e que se desenvolverá durante a fin de semana. No acto participaron a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy; o vicepresidente da Deputación; Xosé Regueira; a deputada provincial e concelleira de Moeche, Cristina García Rey; a concelleira de Turismo de Ferrol, María del Carmen García e o responsable da queixería chantadina Airas Moniz e secretario de QueRed, Xosé Mazaira.
Durante a súa intervención, Xosé Regueira reivindicou o turismo e a gastronomía baseada nos produtos "dun nivel de calidade altísimo" como factores que contribúen ao desenvolvemento socioeconómico do rural. Argumentos que o seu departamento está promovendo a través da marca A provincia que sabe. "A gastronomía vainos dar moitas oportunidades para diversificar o turismo, pero tamén para avanzar no compromiso co quilómetro cero, coa sostibilidade e co territorio".
Regueira reiterou, neste sentido, o apoio da Deputación da Coruña ás iniciativas que están poñendo en marcha "os concellos máis pequeniños", como é o caso de Moeche, "que invisten en xerar oportunidades de negocio pero tamén para que a xente que vive no rural poida seguir vivindo e traballando no rural".
Exemplo diso é a Feira do Queixo de Moeche, que exhibirá a excelencia dos queixos elaborados en pequenos obradoiros de toda España e, ademais, reivindicará as posibilidades da transformación leiteira vinculada á calidade, aos produtos diferenciados e á sostibilidade.
Así, á cita organizada polo Concello de Moeche en colaboración coa Deputación da Coruña e con QueRed asistirán 38 queixarías da comarca, de Galicia e do resto de España, ademais de 16 postos agroalimentarios, rodeados durante a xornada do domingo por múltiples actividades paralelas. Obradoiros para a rapazada, música, catas comentadas, showcookings, visitas guiadas ao castelo e un Tren do queixo que sairá ás 10:45 horas da estación de Ferrol con destino a Moeche, son algúns dos alicientes que, xunto á ampla variedade de queixos, prometen atraer ao recinto feiral de San Ramón a miles de visitantes.