Estás en:Novas

A Deputación dedica este ano 650.000 euros a apoiar ás confrarías e ás agrupacións marisqueiras

Ademais dos 500.000 euros destinados a subvencionar a actividade dos pósitos, habilítanse 150.000 máis para o desenvolvemento de festas de exaltación dos produtos pesqueiros, atendendo ás solicitudes do sector

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, mantivo encontros co patrón maior de Corme e o secretario do pósito de Malpica co fin de coñecer a situación da pesca e o marisqueo en ambas as dúas localidades

A Deputación dedica este ano 650.000 euros a apoiar ás confrarías e ás agrupacións marisqueiras

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou onte Ponteceso e Malpica no marco das xuntanzas que está a manter con distintos representantes dos sectores do mar nos municipios da provincia. Nesta ocasión, reuniuse co patrón maior de Corme, José Francisco Carabel Mosqueira, co que percorreu as instalacións da confraría. Ademais, mantivo un encontro co secretario da confraría de Malpica, Francisco Javier Varela Castro, co que asistiu á poxa de tarde na lonxa.

Cristina Capelán destacou a importancia de coñecer de primeira man as necesidades das confrarías para poder darlles resposta desde as administracións. Citou como exemplo a posta en marcha dun segundo eixo de subvencións destinadas ao fomento pesqueiro, que este ano contan cun orzamento total de 650.000 euros.

A deputada lembrou tamén que a Confraría de Corme se beneficiou na convocatoria de 2023 dunha subvención por valor de 11.600 euros para o fomento da actividade pesqueira e marisqueira na localidade e que a de Malpica obtivo unha axuda de 19.000 euros destinados á mellora da comercialización de produtos pesqueiros de difícil saída comercial.

Durante a visita, Capelán tamén tivo oportunidade de conversar con armadores de pequenos pesqueiros, dedicados á baixura, que lle trasladaron diferentes problemáticas do sector e a importancia de promover o consumo de produto fresco.

A Deputación da Coruña creou neste mandato unha área de goberno específica para as actividades relacionadas co mar. O obxectivo, afirmou Capelán, é prestar especial atención a uns sectores que enfrontan un momento moi complexo e necesitan do apoio de todas as administracións.

A deputada recordou que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases do programa de fomento pesqueiro deste ano, dirixido á confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores para o desenvolvemento de actividades. Segundo explicou, está previsto que nos vindeiros días se abra o prazo de presentación de solicitudes, coincidindo coa publicación do anuncio no BOP.

A convocatoria de axudas divídese en dous eixos, por importe de 500.000 e 150.000 euros, respectivamente. O eixo 1 está destinado á mellora das actividades propias das entidades, mediante accións como o alugueiro de maquinaria ou equipamentos, a contratación de persoal de vixilancia ou a adquisición de sementes de moluscos.

O eixo 2 refírese a subvencións para a celebración de exaltacións do produto pesqueiro. Trátase dunha nova liña de axudas respecto de anteriores convocatorias, tal como remarcou Cristina Capelán, que explicou que é froito de diversas suxestións recollidas durante os contactos coas entidades. Con ela preténdese dar soporte a festas que constitúen un gran escaparate para a promoción de peixes e mariscos.

Capelán asegurou que a Deputación seguirá analizando con detemento todas as demandas que lle traslade o sector e que seguirá traballando en iniciativas para apoialo.

En ambos eixos das subvencións do 2024, as actividades obxecto das axudas deben realizarse dentro deste ano. As bases poden consultarse na seguinte ligazón:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/07/2024_0000001564.pdf