Estás en:Novas

O Teatro Colón acolle mañá a gala dos Premios Culturais da Deputación 2023 para celebrar o talento e a creatividade do país

Satélite Salitre e Aldaolado poñeranlle música a unha velada que conducirá a actriz Sabela Arán e na que farán entrega dos galardóns o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a deputada de Cultura, Natividade González, e Mercedes Fernández-Albalat, xefa do servizo provincial de Cultura

As mimosas van ser protagonistas da escenografía e do fotocol cun deseño que simbolizará a interacción entre a natureza e a creatividade artística

O Teatro Colón acolle mañá a gala dos Premios Culturais da Deputación 2023 para celebrar o talento e a creatividade do país

Xa está todo preparado no Teatro Colón da Coruña para acoller este sábado a terceira edición da gala dos Premios Culturais da Deputación da Coruña. Nunha velada que vai conducir a actriz Sabela Arán e na que soará a música das bandas Satélite Salitre e Aldaolado, a institución provincial volverá celebrar o talento de quen se fixeron co premio nos certames convocados en 2023; os mais deles, galegos, pero cuxas obras están a acadar recoñecemento en todo o Estado.

Premiados e premiadas
Creadores e creadoras de moi diversas disciplinas artísticas subirán ao escenario para recoller o seu galardón: César Cequeliños (gañador do XXXV Premio Torrente Ballester de narrativa en galego), Jesús María Antón e Anna Maria Blasco (XXXV Premio Torrente Ballester de narrativa en castelán), Alberto Ramos (XXI Premio Rafael Dieste de teatro), Blanca Paula Rodríguez Garabatos (XIV Premio Manuel Murgüía de ensaio), Paula Mayor e Cristian F. Caruncho (XVIII Premio Castelao de banda deseñada, nas modalidades xeral e LIX, respectivamente), Berio Molina (XVIII Certame de arte Isaac Díaz Pardo), Juan Carlos Escudero (XVIII Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica), Fuco Reyes (XVII Premio Luís Ksado de creación fotográfica), Rafael Fernández Lorenzo (XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil), Eduardo Soutullo (XV Premio Andrés Gaos de composición musical), Satélite Salitre (XV Concurso Fran Pérez, Narf, para grupos e artistas musicais) e Luz Fandiño (recollerá o premio Iolanda Aldrei, poeta e moi amiga de Luz) e a coopertiva A Morada (VII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, nas categorías de traxectoria e iniciativa, respectivamente).

Recibirán a peza creada, xa para a primeira edición da gala, pola escultora Soledad Penalta: un 'C' realizado en aceiro que representa o 'C' de cultura e o 'C' de Coruña, do que terman, na base, siluetas que representan as persoas que sosteñen e que elevan a cultura.

Farán entrega dos galardóns o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a deputada de Cultura, Natividade González, e Mercedes Fernández-Albalat, xefa do servizo provincial de Cultura.

Escenografía
Unha vexetación protagonizada por mimosas define a escenografía e o fotocol cun deseño —da Sísimica Creativa, autora tamén do cartel e do logo— que simbolizará a interacción entre a natureza e a creatividade artística e que tamén celebra o renacemento das ideas, fundamentais para a conformación da nosa cultura e identidade compartida.

A entrada á gala é libre e as portas do Colón abriranse ás 18.30, media hora antes do comezo da velada, para que o público poida pasar polo fotocol que se instalará no vestíbulo do teatro.

Os premios culturais da Deputación son posibles grazas ao traballo de preto dun cento de persoas, de diferentes ámbitos, que participan como xurados, comisarios e comisarias, ou ben integrando as diferentes comisións lectoras.