Estás en:Novas

A Deputación colabora co Concello de Vimianzo na xestión do Castelo e dos Batáns do Mosquetín en 2024

O presidente, Valentín G. Formoso e o deputado de patrimonio, Xosé L. Penas, firmaron un convenio coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez

A entidade provincial destinará 120.000€ para a xestión integral destes dous conxuntos arquitectónicos

A Deputación colabora co Concello de Vimianzo na xestión do Castelo e dos Batáns do Mosquetín en 2024

A Deputación da Coruña asinou un convenio co Concello de Vimianzo para a xestión integral do Castelo e dos Batáns do Mosquetín en 2024. Cun investimento de 120.000€ (102.000 para o Castelo e 18.000 para os Batáns), o acordo inclúe a atención de visitantes, a mostra de artesanía en vivo e outras actividades de dinamización e divulgación. O presidente, Valentín G. Formoso, e o deputado de patrimonio, Xosé L. Penas, foron os encargados de firmar o convenio coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

Ambas entidades continúan, así, implantando un modelo de xestión do patrimonio cultural que se basea na interactuación, por parte dos espectadores e espectadoras, cos edificios e as actividades complementarias tanto do Castelo de Vimianzo como dos Batáns do Mosquetín, para facelos partícipes e achegar o patrimonio á cidadanía.

Así, formúlanse unha serie de eventos de promoción e divulgación sociocultural en ambos espazos patrimoniais: exposicións permanentes; unha mostra de artesanía en vivo e unha serie de exposicións temporais no Castelo de Vimianzo; visitas guiadas e teatralizadas; obradoiros de dinamización e divulgación; roteiros e relatorios nos Batáns de Mosquetín e a elaboración de unidades didácticas para os centros educativos.

Esta colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo amplíase, deste xeito, un ano máis, continuando cunha liña de traballo que aposta pola protección, a conservación, a rehabilitación, a musealización e posta en valor do Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín a través de diferentes actividades destinadas a toda a sociedade.