Estás en:Novas

O IES Rosalía Mera acolle a homenaxe ás “Mulleres do pasado, semente de futuro”

Trátase do acto final da campaña do 8M posta en marcha pola área de igualdade da Deputación, cunha dinámica interxeracional protagonizada por unha das avoas participantes e a súa neta

A deputada, Soledad Agra, reflexionou co alumnado do centro sobre o estado actual da muller na sociedade e a súa evolución dende os últimos anos

O IES Rosalía Mera acolle a homenaxe ás “Mulleres do pasado, semente de futuro”

O IES Rosalía Mera foi hoxe o escenario do remate da campaña "Mulleres do pasado, semente de futuro", levada a cabo pola área de igualdade da Deputación con motivo da conmemoración do 8M. Púxose o broche final, así, a unha actividade interxeracional que consistía en que o alumnado de diferentes centros educativos entrevistasen ás súas avoas, co obxectivo de provocar unha reflexión conxunta entre ambas xeracións, sobre a evolución do papel da muller na sociedade. Estas entrevistas foron gravadas e poderanse visualizar na páxina web da Deputación.

Durante o acto de hoxe proxectouse un dos vídeos seleccionados e, ademais, a avoa e a neta protagonistas, María Jesús e Nerea, conversaron coa deputada, nunha charla na que tamén participou o alumando do centro. Entre todos e todas, abordáronse cuestións actuais e dereitos como o do divorcio, o do aborto ou o de poder usar pantalóns, "dereitos que nalgún momento a lei nos prohibía" sinalou Soledad Agra.

Con esta campaña, apuntou a deputada, "quixemos facer unha revisión da loita das mulleres do pasado que conseguiron importantes avances para nós a base de folgas, manifestacións, batallas contra a policía e o exército que nalgúns casos lle custaron a vida". O obxectivo desta campaña era, precisamente, "xuntar a xeración actual coas súas avoas para reflexionar en conxunto sobre como cambiou todo". Deste xeito, "con estes vídeos lembramos como era a vida das nosas antepasadas; porque todo o que temos agora ata hai nada non era así".

Coa actuación musical de Carla Valiño, da Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (ASECOSMAC) ao principio e ao final da xornada, o acto contou tamén coa intervención do director do centro, Genaro García. Finaliza así a campaña do 8M da Deputación "Mulleres do pasado, semente de futuro", que "se enmarca nun plan de igualdade que vai máis aló deste día e que propón a busca da igualdade real nos diferentes espazos da vida".