Estás en:Novas

A Deputación apoia con 142.000 euros a actividade das protectoras de animais domésticos da provincia

As axudas permitirán financiar, entre outros gastos, a adquisición de alimentos, medicamentos e chips ou o pago de servizos veterinarios

O BOP publicou na súa edición do mércores a concesión definitiva das subvencións, que oscilan entre os 3.600 e os 20.000 euros e das que se benefician 11 entidades

A Deputación apoia con 142.000 euros a actividade das protectoras de animais domésticos da provincia

A área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña dedica este ano 142.575 euros a apoiar investimentos e o desenvolvemento de actividades por parte das asociacións protectoras de animais domésticos da provincia.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou na súa edición do mércores 20 as resolucións polas que se aproban as concesións definitivas destas subvencións, con contías que oscilan entre os 3.600 e os 20.000 euros. Entidades como Apadán, Gatocán, San Francisco de Asís, Xuntos As Mariñas, Abeiro ou Moura son algunhas das 11 beneficiarias.

As axudas correspóndense con dous programas. O DP0035, dedicado ao desenvolvemento de actividade, conta cun total concedido de 129.175,30 euros, mentres que ao DP0037, orientado á realización de investimentos, destinaranse 13.400 euros.

O primeiro permitirá a adquisición de medicamentos, chips, alimentos e outros bens, ademais de contribuír ao pago de servizos veterinarios ou á recollida de animais en situación de abandono e a súa posta en adopción, entre outros fins. O segundo inclúe gastos orientados á mellora das instalacións de acollida dos animais.

Ligazóns ás resolucións publicadas no BOP, que inclúen as listaxes de entidades beneficiarias de ambos programas de subvencións:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/20/2024_0000001904.html
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/20/2024_0000001905.html