Estás en:Novas

Publicada a convocatoria de nove dos certames culturais da Deputación

Trátase dos premios Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, Castelao de banda deseñada, Antonio Fraguas de artesanía, Miguel González Garcés de poesía, Jesús Núñez de arte gráfica, Luís Ksado de creación fotográfica, Fran Pérez "Narf" para artistas e grupos musicais, Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil e Torrente Ballester de narrativa

Súmanse ao Rosalía de Castro, convocado a primeiros deste mes para recoñecer a promoción e dignificación do patrimonio lingüístico galego

A institución provincial repartirá 124.000 euros entre todos eles

Publicada a convocatoria de nove dos certames culturais da Deputación

O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe a convocatoria dunha nova edición de nove dos seus premios culturais: o Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, o Antonio Fraguas de artesanía, o Castelao de banda deseñada, o Miguel González Garcés de poesía, o Jesús Núñez de arte gráfica, o Luís Ksado de creación fotográfica e o Fran Pérez "Narf" para artistas e grupos musicais, Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil e Torrente Ballester de narrativa. Súmanse ao Rosalía Castro de lingua, cuxo prazo de presentación de candidaturas abriu a primeiros deste mes. Entre todos eles, a institución provincial repartirá 124 000 euros.

En memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño, e coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade entre homes e mulleres desde o campo da cultura, a Deputación convoca a VIII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero.

  • Dotado con 6.500 euros para o gañador ou gañadora de cada unha das dúas modalidades: traxectoria, que premiará a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura; e iniciativa, que premiará iniciativas ou proxectos culturais que incorporen unha perspectiva feminista en todas as actividades e servizos derivados.

  • Bases: no BOP do 27 de febreiro.

  • Prazo: do 23 de marzo ao 10 de maio.

En consideración á importancia que ten para o desenvolvemento social e cultural a atención ás manifestacións artísticas que, coma a artesanía, son sinais de identidade dun pobo —e, ao tempo, mostra da vixencia e pulo das tradicións, da súa capacidade innovadora e creativa e do diálogo coa idiosincrasia popular no campo social, cultural e económico—, a Deputación convoca o XV Certame Antonio Fraguas de artesanía.

  • Dotado con 6.500 euros para a persoa gañadora de cada unha das dúas modalidades: artesanía tradicional e artesanía contemporánea.

  • Bases: no BOP do 27 de febreiro.

  • Prazo: do 23 de marzo ao 20 de maio.

Tendo en conta a significación do colectivo que traballa na creación en banda deseñada en Galicia, considerado o máis importante do panorama estatal, a Deputación, sensible á significación que está a ter este sector da cultura galega, convoca o XIX Premio Castelao de banda deseñada.

  • Dotado con 6.500 euros para a persoa gañadora de cada unha das dúas modalidades: xeral, para obras dirixidas a todo tipo de lectores, e LIX, para obras dirixidas especificamente ao público lector infantil e xuvenil. A Deputación publicará as obras premiadas.

  • Bases: no BOP do 27 de febreiro.

  • Prazo: do 23 de marzo ao 10 de maio.

Coa intención de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como para lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico, compositor para espectáculos musicais e teatrais e dinamizador cultural que foi o cantante Fran Pérez "Narf", a Deputación convoca o XVI Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais.

  • Repartirá 7500 euros: un primeiro premio de 4000 €, un segundo de 2000 € e un terceiro de 1500 €. Ademais, a Deputación da Coruña chegará a acordos para a inclusión da banda ou artista gañadoras no programa de tres festivais ou eventos culturais de referencia no panorama galego.

  • Bases: no BOP do 27 de febreiro.

  • Prazo: do 23 de marzo ao 20 de xuño.

Na liña de apoio á creación artística que leva a cabo, a Deputación da Coruña convoca o XIX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, co que tamén quere recoñecer a labor realizada pola Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos e a ampla traxectoria do seu fundador, o artista Jesús Núñez.

  • A persoa gañadora recibirá 6500 euros e a súa obra incluirase nunha exposición na Fundación CIEC. Concederá tamén dous accésits, consistentes cada un deles nunha bolsa de matrícula dun módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC.

  • Bases: no BOP do 27 de febreiro.

  • Prazo: do 2 de maio ao 5 de xullo.

Tendo en conta a significación especial que a nosa provincia posúe dende hai tempo para a difusión das artes da imaxe, e especialmente da fotografía, e coa finalidade de contribuír á conservación da memoria dunha persoa tan representativa neste campo como foi Luís Ksado, a Deputación convoca o XVIII Premio Luís Ksado de creación fotográfica.

  • A persoa gañadora recibirá 6500 euros.

  • Bases: no BOP do 27 de febreiro.

  • Prazo: do 23 de marzo ao 31 de maio.

Dando continuidade ao que xa é unha tradición na convocatoria de certames poéticos en lingua galega, e recollendo tamén o exemplo do senlleiro escritor coruñés, a Deputación convoca o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía.

  • A persoa gañadora recibirá 6500 euros e a Deputación publicará a obra premiada.

  • Bases: no BOP do 27 de febreiro.

  • Prazo: do 23 de marzo ao 30 de abril.

Coa vontade de fomentar a creatividade literaria dirixida as lectores máis novos e de facer memoria da personaxe de lenda vinculada ás terras de Compostela, a Deputación convoca o XVIII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

  • A persoa gañadora recibirá 6500 euros e a Deputación publicará a obra premiada.

  • Establécense dous premios, dotados con 6.500 € cada un deles, para cada unha das seguintes modalidades: infantil, para obras dirixidas especificamente ao público lector infantil, e xuvenil, para obras dirixidas especificamente ao público lector xuvenil.

  • Bases: no BOP do 29 de febreiro.

  • Prazo: do 23 de marzo ao 30 de abril.

Co ánimo de contribuír a acrecentar a calidade fabuladora e a creatividade que caracteriza as nosas escritoras e escritores, e coa vontade de homenaxear o ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, a Deputación convoca o XXXVI Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega e en lingua castelá.

  • Outorgaranse dos premios únicos, de 15 000 euros cada una, as persoas gañadoras tanto do certame en lingua galega como no de lingua castelá.

  • Bases, no BOP do 29 de febreiro, tanto as do premio en galego coma as do premio en castelán.

  • Prazo, nas dúas modalidades: do 23 de marzo ao 15 de maio.

Estas nove convocatorias súmanse á outra aberta xa desde primeiros deste mes: a do XV Premio Rosalía de Castro de lingua, que volve recoñecer a promoción e dignificación desinteresadas do patrimonio lingüístico galego.

  • Dotado con 5000 euros para o gañador ou gañadora de cada unha das tres categorías: A, para persoa que máis destaque na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os ambientes e con todos os estratos sociais; B, para a entidade que máis destaque na promoción da lingua galega; e C, para o proxecto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.

  • Bases, no BOP do 21 de febreiro.

  • Prazo: ata o 30 de abril.