Estás en:Novas

eBiblioDaCoruna Club: Sonata de primavera

eBiblioDaCoruna Club Lector é un espazo en liña para ler, comentar e compartir lecturas, tanto en castelán como de autores galegos, tendo en conta a actualidade, intereses e gustos dos participantes. É un club virtual de lectura da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña dirixido a todas as persoas lectoras usuarias das bibliotecas municipais da provincia da Coruña.

eBiblioDaCoruna Club: Sonata de primavera

Desde o 2 de abril estaremos lendo no Club de Lectura Dixital  "Sonata de primavera : memorias del marqués de Bradomín"

O Marqués de Bradomín, personaxe ficticio inspirado no xeneral carlista Carlos Calderón, cóntanos catro aventuras amorosas ao longo da súa vida. A narración é retrospectiva, desde a vellez; é unha mirada distante e non froito dun arrebato amoroso. Cada Sonata responde a unha época da súa vida e a unha estación do ano. A Sonata de primavera (novela de Valle-Inclán) (1904) ten lugar en Italia. O marqués é unha persoa orgullosa e cóntanos un intento de sedución que non logra. É un ambiente luxoso dun palacio. Ten que facer chegar unha mensaxe do Papa, pero a persoa á que o ten que entregar, monseñor Gaetani, está a morrer. No palacio atópase tamén a princesa Gaetani, que ten cinco fillas; a primeira, María Rosario vai entrar nun convento, e o Marqués que se sente atraído por ela, tenta conquistala. Ela tómao polo diaño e foxe del. Ademais do divino e o satánico, tamén aparecen a morte e o amor (Eros e Tánatos). Non só a morte de monseñor Gaetani, senón tamén a morte en brazos de María Rosario da súa irmá pequena (María Nieves).

Desde o propio club de lectura dixital podes prestar o libro e comentar, citar ou conversar co resto de participantes.

1. Entra no CLUB DE LECTURA DIXITAL https://ebibliodacorunaclub.odilotk.es
2. Identifícate coas claves da EBiblioDaCoruna
3. Entra na sala correspondente "Arredor dos libros" dedicado a lecturas de autoras e autores galegos
4. Presta o libro dentro do apartado Contido.
5. Desfruta da lectura e comenta e comparte cos teus compañeiros e compañeiras.

Para poder formar parte deste club de lectura virtual é preciso primeiro formar parte da biblioteca dixital EbiblioDaCoruna que é a biblioteca dixital da Deputación da Coruña para todas as bibliotecas públicas e municipais da provincia da Coruña.

Podes solicitar a túa alta de balde premendo aquí.

Pertencer ao club lector non ten ningún custo, e está aberto a que poidas usalo as 24 horas do día os 365 días do ano.