Estás en:Novas

A aclamada poeta palestina Rafeef Ziadah chega á Coruña coa súa poesía que “ensina vida”

Pallasos en Rebeldía e o Grupo de Traballo de Igualdade de Xénero da facultade de Ciencias da Educación da UDC organizan este evento que conta co apoio da Deputación da Coruña

O acto, no que a poeta palestina estará acompañada do músico Phil Monsour será o 15 de abril, ás 20 horas, no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña

A aclamada poeta palestina Rafeef Ziadah chega á Coruña coa súa poesía que “ensina vida”

Rafeeh Ziadah, unha das poetas palestinas máis coñecidas a nivel mundial, pasará pola Coruña o próximo 15 de abril cun recital no que a poesía irá acompañada pola música en directo de Phil Monsour. A área de Igualdade da Deputación da Coruña colabora con este evento, cuxa entrada é de balde ata completar a capacidade.

Cunha proposta que leva ao público cara a profundidade de temas como a guerra, o exilio, o xénero e o racismo, Rafeef Ziadah é coñecida e recoñecida polas súas performances e pola viralidade das súas propostas. Poemas como "We teach life" ("Nós ensinamos vida") deron a volta ao mundo poñendo sobre a mesa os efectos do xenocidio sobre o pobo palestino.

O seu último álbum "Three Generations" ("Tres xeracións"), invita a unha conmovedora viaxe a través de Palestina e o mar Mediterráneo, seguindo a estela do seu segundo traballo, "We teach life", no que a forza da palabra de Rafeef Ziadah únese á música orixinal, xerando un forte impacto no público cos seus recitais.

Este evento conta co apoio da Deputación da Coruña, coa organización de Pallasos en Rebeldía e o Grupo de Traballo de Igualdade de Xénero da facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, e a colaboración de Galiza por Palestina, a AC Alexandre Bóveda, BDS Galiza e Sugxpal.

Pallasos en Rebeldía
Pallasos en Rebeldía é unha asociación constituída como unha rede internacional de grupos artísticos que promoven a solidariedade e a risa como motores de cambio social; combaten culturalmente á beira das colectividades que fan fronte a este sistema global de terror desde a maxia do Circo; e que apostan por unha Humanidade máis bela e máis xusta desde o universo do Clown.

Pallasos en Rebeldía organiza accións artísticas solidarias por todo o mundo e desde o comezo da ofensiva israelí sobre Gaza en outubro de 2023 mantén unha intensa actividade de denuncia contra o xenocidio e de recadación de fondos para enviar a Gaza.