Estás en:Novas

Formoso destaca o impulso que o proxecto Abrir Ferrol ao Mar dará á candidatura da cidade a patrimonio mundial

O presidente provincial participou coa ministra de Defensa e o alcalde na presentación das actuacións que afectarán á fronte terrestre do Arsenal

Formoso destaca o impulso que o proxecto Abrir Ferrol ao Mar dará á candidatura da cidade a patrimonio mundial

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou esta mañá en Exponav na presentación das actuacións que se desenvolverán na fronte terrestre do Arsenal dentro do proxecto Abrir Ferrol ao Mar. Formoso lembrou que a iniciativa é un fito máis nunha aspiración que deu os seus primeiros pasos hai máis de tres décadas, cando se substituíu un tramo da muralla do estaleiro por unha reixa, e animou o concello a "continuar cun proxecto ambicioso", ademais de agradecerlle á ministra de Defensa, Margarita Robles, a súa implicación.

Formoso subliñou que o Arsenal constitúe "un elemento patrimonial de relevancia máis alá do militar" e destacou que o seu valor arquitectónico e histórico convérteno no "corazón desa candidatura da cidade a patrimonio mundial". Unha candidatura que a través de Abrir Ferrol ao Mar terá "un novo e claro impulso", dixo.

Na presentación desta fase do proxecto, centrada en rebaixar a altura do muro para converter a parte superior nunha reixa e modificar e mellorar os accesos ao Arsenal, a ministra de Defensa remarcou a importancia da vinculación entre a Armada e a cidadanía, porque "é imposible concibir a Armada sen Ferrol e Ferrol sen a Armada", afirmou. Robles mostrouse ilusionada por que eses lazos se estreiten grazas ao proxecto Abrir Ferrol ao Mar, polo que animou ao alcalde a non "perder un minuto máis". "Ferrol meréceo", concluíu.

Pola súa banda, o rexedor, José Manuel Rey, trasladoulle á ministra o seu agradecemento pola "rapidez e determinación" coa que acolleu a iniciativa, como tamén ao xefe do Estado Maior e ao almirante xefe do Arsenal. Rey asegurou que recolle "o traballo de moitas corporacións" e chamou a unir esforzos en torno ao proxecto.