Estás en:Novas

As axudas da Deputación ás confrarías e agrupacións marisqueiras poden solicitarse ata o 19 de abril

Están destinadas a financiar a actividade dos pósitos e contan cunha liña de 500.000 euros á que este ano se une outra de 150.000 máis para o desenvolvemento de festas de exaltación dos produtos pesqueiros

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, reuniuse cos patróns maiores da Pobra e de Rianxo dentro da rolda de contactos que está a manter cos representantes das entidades

As axudas da Deputación ás confrarías e agrupacións marisqueiras poden solicitarse ata o 19 de abril

A Deputación da Coruña mantén aberto o prazo para que as confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia soliciten as axudas provinciais destinadas ao financiamento das súas actividades. Estas entidades poderán formalizar as súas peticións ata as 14.00 horas do vindeiro 19 de abril.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, mantivo hoxe sendas reunións cos patróns maiores da Pobra e Rianxo durante as que, entre outros asuntos de interese para o sector, se analizou a convocatoria de subvencións. Capelán lembrou este ano se abriu un segundo eixo destas, destinado ao fomento pesqueiro, co que o orzamento total se incrementa ata os 650.000 euros.

Así, unha primeira liña, dotada con 500.000 euros, destínase á mellora das actividades propias das entidades, mediante accións como o alugueiro de maquinaria ou equipamentos, a contratación de persoal de vixilancia ou a adquisición de sementes de moluscos.

En canto á segunda, refírese a subvencións para a celebración de exaltacións do produto pesqueiro. Tal como explicou a deputada, esa novidade respecto ás convocatorias de anos anteriores é froito de diversas suxestións recollidas de contactos coas entidades. Con ela preténdese reforzar o impacto de festas que constitúen un gran escaparate para a promoción de peixes e mariscos.

En ambos eixos das subvencións, as actividades obxecto das axudas deben realizarse dentro deste ano. As bases poden consultarse na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/07/2024_0000001564.pdf

O extracto da resolución que marca os prazos de solicitude atópase en https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/18/2024_0000001740.pdf

A Deputación da Coruña creou neste mandato unha área de goberno específica para as actividades relacionadas co mar. O obxectivo, recordou Capelán, é prestar especial atención a uns sectores que enfrontan un momento moi complexo e necesitan do apoio de todas as administracións.

A deputada provincial está a visitar os pósitos da provincia para ter información de primeira man acerca da situación e as problemáticas que lles afectan. Á xuntanza desta mañá na Pobra, que se celebrou na Casa do Concello, asistiron, ademais da deputada de Mar e o patrón maior, Enrique Maceiras, o alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo.

Despois, en Rianxo, visitou a Casa do Concello e a sede da confraría e reuniuse co patrón maior, Miguel Ángel Iglesias; o alcalde, Julián Bustelo; a concelleira de Mar, Olalla Figueira; o voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Óscar Rial, e o edil do grupo do PP Ramón Vicente.