Estás en:Novas

Xosé Lois Penas clausura o II Congreso de Conratación Pública propoñendo políticas públicas máis áxiles e transversais

O deputado de patrimonio e contratación falou da necesaria aposta por políticas de contratación estratéxica que combinen a xestión, o control, a responsabilidade, a calidade e o ámbito social con aspectos coma o emprego, a saúde laboral, a conciliación e a solvencia

"Temos que ser capaces politicamente de identificar o impacto social dalgunhas políticas públicas en materia de contratación, dende o punto de vista da igualdade, da inserción, da cooperación en materia ecolóxica, de transición e, en definitiva, de economía social e circular, primando a proximidade"

Xosé Lois Penas clausura o II Congreso de Conratación Pública propoñendo políticas públicas máis áxiles e transversais

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas, clausurou onte o II Congreso de Contratación Pública, que se celebrou os pasados luns e martes no Teatro Colón da Coruña, organizado pola Deputación da Coruña e dirixido polo propio Penas coa coordinación do xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación, Luis Jaime Rodríguez Fernández. Fíxoo cun relatorio co que defendeu a necesidade de que a política e a administración estean ao servizo da contratación pública: "A nosa aposta debe ser, inequivocamente, por políticas de contratación estratéxica que combinen a xestión, o control, a responsabilidade, a calidade e o ámbito social con aspectos coma o emprego, a saúde laboral, a conciliación e a solvencia".

Para Penas, as administracións teñen que ser "capaces politicamente de identificar o impacto social dalgunhas políticas públicas en materia de contratación, dende o punto de vista da igualdade, da inserción, da cooperación en materia ecolóxica, de transición e, en definitiva, de economía social e circular, primando a proximidade".

Esas políticas teñen que pasar, segundo o deputado, "por solucións integrais e por buscar un punto de equilibrio entre a xestión e o control que prima na lei de contratos, e esa xestión debe ser eficaz e cuns tempos acordes á nosa sociedade para acabar coa burocratización, co excesivo protagonismo do factor prezo, coa lentitude nos trámites e co uso desapropiado dos contratos menores; para loitar tamén mellor contra a corrupción e as malas prácticas e acadar e eficiencia económica, sempre da man da profesionalización dos axentes que intervimos nos procesos e, por suposto, co participación das peme".

Penas tamén falou da importancia do traballo por obxectivos e por "avanzar cara a unha administración pública altamente profesionalizada, non en canto a coñecementos, pero si profesionalizada en canto a beber dos circuítos de xestión e de mellora de todo o noso tecido empresarial: a solución sempre será ese triángulo entre institucións, empresa e coñecemento". "Insisto", dixo, "hai que obxectivizar os resultados, porque os resultados serán para todos e todas".

Unha mellor contratación pública pasa, para Penas, "por sacarlle todo o potencial ao uso das novas tecnoloxías, comezando por ter unha plataforma de contratación pública axeitada ao ano 2024. Debemos avanzar cara a unha dixitalización absoluta, sen esquecer que ningunha innovación tecnolóxica será de utilidade sen o acompañamento dunha revolución organizativa".

Coa intervención de Penas botou o peche un congreso que reuniu os mellores profesionais nacionais do sector, en dúas xornadas onde se celebraron case unha ducia de conferencias e mesas redondas e se debateu e reflexionou para atopar puntos de encontro e buscar medidas e instrumentos que permitan conseguir unha maior axilidade e simplificación na xestión administrativa da contratación.