Estás en:Novas

A Deputación apoia con 229.000 euros as actividades de conservación medioambiental de 20 asociacións da provincia

Concedéronse un total de 20 solicitudes, que inclúen achegas de ata 20.000 euros para os proxectos seleccionados

A Deputación apoia con  229.000 euros as actividades de conservación medioambiental de 20 asociacións da provincia

FOTO: Rosa Ana García, deputada de Medio Ambiente, na presentación do proxecto Surf and Clean en Malpica.

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia, a concesión definitiva das axudas destinadas a entidades sen fins de lucro para o cofinanciamento de actividades no ámbito do medio ambiente para o ano 2024.

Estas liñas de axudas teñen como obxectivo promover a conservación, promoción e a defensa dos recursos naturais e do medio ambiente na Provincia da Coruña.

Foron concedidas un total de 20 solicitudes, por valor total de 229.121 euros, que inclúen achegas de ata 20.000 euros e cubrirán entre o 20% e o 80% do orzamento de gastos subvencionables.

As entidades beneficiarias este ano son: Asociación Redes de Sal, Asociación Ambiental Senda Nova, Geas, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Asociación Limpocean, Asociación Mar de Fábula, Asociación Medioambiental Amabul, Asociación Micolóxica Coruñesa, Asociación Néboa Medio Ambiente, Asociación para a Custoria do Bosque Atlántico Betula, Asociación Vento Noso, Asociación Verdegaia, Coordinadora para o Estudio Mamíferos Mariños, Federación Ecoloxista Galega, Ferderación Galega de Medio Ambiente, Fundación Fragas do Mandeo, Hábitat Grupo Naturalista, Morcegos de Galicia, Sociedade Galega de Historia Natural e Surf and Clean.

"As entidades beneficiarias desenvolverá co apoio económico da Deputación proxectos para actuacións relacionadas co voluntariado ambiental, difusión e sensibilización ambiental, conservación e actuacións relacionadas co cambio climático, sustentabilidade enerxética, desenvolvemento de políticas e estratexias ambientais, posta en valor de recursos naturais, limpeza de praias e outras que, en xeral, promovan a participación social no compromiso co medio ambiente", segundo explicou a deputada responsable da área de Medio Ambiente, Rosa Ana García.

Programas como o de custodia do territorio da Fundación Fragas do Mandeo, a iniciativa "Defende o mar a través do surfing" de Surf and Clean, o festival Mar de Mares da Asociación Redes de Sal, ou o programa de conservación de solos de Vento Noso son algúns dos que se desenvolverán co apoio desta liña de subvencións de Medio Ambiente.

Ligazón ao BOP coa resolución das axudas:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/04/05/2024_0000002246.pdf