Estás en:Novas

O presidente da Deputación e o alcalde de Brión analizan melloras nas estradas do municipio

Formoso e Pablo Lago abordaron a posibilidade de seguir realizando obras de mellora da seguridade nas estradas DP 1301 e DP 1302

O presidente da Deputación e o alcalde de Brión analizan melloras nas estradas do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, mantiveron unha reunión para abordar o estado das obras de estradas provinciais no municipio e as necesidades do Concello de Brión no ámbito da mellora da seguridade viaria.

O alcalde de Brión destacou a importancia do investimento realizado pola Deputación da Coruña no primeiro tramo da estrada DP-1301, á altura da aldea de Liñares, se ben incidiu na necesidade de mellorar a cuneta dereita do vial, así como de anchear o tramo dende Liñares a Gronzo, por ser unha estrada moi transitada e que posúe moitas curvas e é moi estreita.

Formoso e Lago abordaron tamén a a posibilidade de acometer distintas melloras na seguridade viaria das dúas estradas de titularidade provincial no municipio: a DP-1301 e a DP-1302. Unhas necesidades que o alcalde brionés xa lle trasladara in situ á deputada responsable de Infraestruturas Viarias e Obras Provinciais da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez Ordóñez, durante unha recente visita a Brión.

Pablo Lago solicitou a construción dunha senda peonil en Mourentáns, na DP-1301, onde a Deputación da Coruña se encargaría da redacción do proxecto e da súa execución, mentres que o Concello de Brión negociaría coa veciñanza a cesión dos terreos precisos para a execución das obras. "Teño que agradecer que, unha vez máis, os terreos foron cedidos por todos os veciños e veciñas, conscientes da necesidade destas obras xa que estamos falando dun tramo cun tráfico de vehículos moi intenso e onde a xente non dispón case nin de beiravías polas que camiñar", sinalou Pablo Lago.

Así mesmo, o alcalde brionés solicitou continuar coas obras de mellora da seguridade na DP-1301, onde a Deputación xa ten intervido en varios tramos. Lago solicitou que se estude a ampliación da Ponte de Nináns e o ancheamento do tramo entre esta ponte e o cruce de Vilar, xa que é un tramo moi estreito que quedou entre os dous ancheamentos realizados nos últimos anos.