Estás en:Novas

A Deputación apoia con 33.000 euros a actividade das confrarías de pescadores ribeirenses

A deputada provincial de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, reuniuse cos tres patróns maiores do municipio dentro da rolda de contactos que está a manter cos representantes das entidades

As axudas do 2024, que poden solicitarse ata o 19 de abril, están destinadas a financiar a actividade dos pósitos e contan cunha liña de 500.000 euros á que este ano se une outra de 150.000 máis para o desenvolvemento de festas de exaltación dos produtos pesqueiros

A Deputación apoia con 33.000 euros a actividade das confrarías de pescadores ribeirenses

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, mantivo hoxe no Centro Cultural Lustres Rivas, de Ribeira, unha reunión cos patróns maiores das tres confrarías de pescadores do municipio co obxecto de explicar as novas liñas de subvencións deste ano e interesarse pola situación que atravesa o sector pesqueiro e marisqueiro no concello, así como polas problemáticas que lles afectan.

Xunto cos responsables dos pósitos de Palmeira, José Antonio Pérez, e de San Pedro de Ribeira, Miguel Franco, e o representante do cabido de Aguiño, Miguel Ángel Reiriz, participaron no encontro o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, e o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta.

A deputada explicou que, aínda que a Deputación non ten competencias directas no sector pesqueiro, creou neste mandato unha área de goberno específica para as actividades relacionadas co mar e o agro, dada o súa importancia estratéxica para o desenvolvemento socioeconómico no rural.

Os pósitos ribeirenses recibiron o ano pasado subvencións por importe de 33.676,88 euros, que poderían incrementarse este ano grazas á suba do orzamento do programa de axudas para confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia.

Capelán lembrou que o goberno provincial elevou este ano as subvencións ao sector pesqueiro e marisqueiro, que pasan dun orzamento anual de 500.000 a 650.000 euros.

Desta partida, medio millón de euros dedícanse a apoiar ás confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores na mellora e modernización dos seus procesos produtivos, mediante accións como o alugueiro de maquinaria ou equipamentos, a contratación de persoal de vixilancia ou a adquisición de sementes de moluscos.

A isto súmase unha liña de 150.000 euros para apoiar a celebración de actividades e festas de exaltacións do produto pesqueiro. Tal como explicou a deputada, esa novidade respecto ás convocatorias de anos anteriores é froito de diversas suxestións recollidas de contactos coas entidades. Con ela preténdese reforzar o impacto de festas que constitúen un gran escaparate para a promoción de peixes e mariscos.

A Deputación da Coruña mantén aberto o prazo para que as confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións soliciten as axudas provinciais destinadas ao financiamento das súas actividades. Estas entidades poderán formalizar as súas peticións ata as 14.00 horas do vindeiro 19 de abril.

En ambos os dous eixos das subvencións, as actividades obxecto das axudas deben realizarse dentro deste ano. As bases poden consultarse na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/07/2024_0000001564.pdf