Estás en:Novas

A Deputación colaborará co Concello de Cee na recuperación da historia baleeira do municipio

Formoso visitou hoxe coa alcaldesa, Margarita Lamela, a antiga factoría baleeira de Caneliñas

O Concello prepara un ciclo de actividades para conmemorar o centenario da que foi a derradeira factoría baleeira de Europa e recuperar a historia desta actividade na comarca

Reclamou á Xunta que invista na mellora nos concellos o 50% do que recada co canon da auga: "É unha proposta xusta"

O presidente visitou Bermún, onde se están a construír beirarrúas e unha rotonda que suporán unha importante mellora da seguridade para a veciñanza e o alumnado da escola infantil

A Deputación colaborará co Concello de Cee na recuperación da historia baleeira do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Cee, onde supervisou distintos investimentos financiados no municipio pola institución provincial.

A xornada comezou na praia de Caneliñas, en Cee, onde Formoso, acompañado da alcaldesa Margarita Lamela, da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e de concelleiras do goberno local, visitou o enclave onde se levantaba a antiga factoría baleeira do municipio, unha industria de grande importancia cultural e histórica, xa que constituíu durante décadas unha referencia da Costa da Morte e un importante elemento dinamizador da economía da comarca.

A alcaldesa explicou a historia da fábrica, que este ano cumpre 100 anos de historia. "A primeira balea procesouse nestas instalacións o 14 de novembro de 1924 e a última o 21 de outubro de 1985. Estamos falando da última factoría baleeira de Europa", afirmou Lamela, que detallou a intención do seu goberno municipal de, aproveitando a efemérides do centenario, "tratar de recuperar e pór valor" esta parte da historia de Cee.

Para iso, o Concello traballa na programación dunha serie de actividades que inclúen conferencias, exposicións, visitas guiadas, creación dun gran mural artístico e instalación de paneis informativos que compilen a historia da fábrica e do que supuxo desde o punto de vista social e económico tanto para a localidade como para a comarca Costa da Morte.

Formoso subliñou o interese "histórico e cultural" do proxecto para recuperar e valorizar o pasado baleeiro do municipio e da comarca, que comezou cunha iniciativa de Noruega e chegou a exportar o produto a Xapón. "Unha historia singular que merece a pena que sexa contada e coñecida polas novas xeracións e que pode ser tamén un atractivo turístico máis para a comarca", polo que se comprometeu a estudar a colaboración da Deputación nalgunhas das iniciativas propostas polo goberno municipal para recuperar o seu pasado baleeiro.

Mellora da seguridade en Bermún

Formoso e Lamela visitaron tamén as obras que se están a executar na estrada provincial DP- 2303, no núcleo de Bermún, na Pereiriña, cun investimento de 619.842 euros.

As obras responden ao compromiso adquirido polo presidente en novembro de 2021, tras a petición da alcaldesa dunha solución para mellorar a seguridade do tráfico no perigoso cruce coa estrada de Lires e da veciñanza e o alumnado da escola unitaria da zona nos seus desprazamentos a pé a na contorna do colexio.

As obras eliminan o citado cruce coa construción dunha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 interior que facilitará as manobras na intersección e contribuirá a diminuír a velocidade do tráfico e inclúen tamén a renovación completa das beirarrúas, que se anchean ata os 2 metros e do pavimento da senda existente. Estes itinerarios peonís complétanse coa prolongación da senda peonil ata o cruce coa estrada AC-552, o que supón un novo tramo de preto de 600 metros na marxe esquerda e outros 300 metros cara o norte, ata a finalización do núcleo de Bermún.

"As obras atenden a petición da alcaldesa e suporán unha notable mellora da seguridade na zona", destacou Formoso, que subliñou que na Pereiriña o goberno municipal de Margarita Lamela leva investidos máis de 287.000 euros en tres fases de obras para dotar á zona de servizo de abastecemento de auga, financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación.

Demanda á Xunta que reinvista parte do canon da auga nos municipios

Neste sentido, Formoso instou á Xunta de Galicia a que invista parte do que recada a través do canon da auga nos municipios. "A Xunta cobra o canon na factura que pagan os veciños de Cee, pero non reinviste nin un céntimo para mellorar os sistemas de traída e de saneamento", explicou.

"Con Feijoo xa dixemos os que en 10 anos só se convocou unha vez a comisión galega de cooperación local", afirmou o presidente, que lembrou que "entón presentamos á Xunta unha proposta xusta: que o 50% do recadado quedara para investimentos no propio concello e sempre obtivemos o non por resposta", apuntou.

Formoso, que tamén visitou durante a mañá outras do Plan Único como a mellora da Casa da Cultura de Brens (131.610 €) destacou a importancia do Plan "para mellorar as infraestruturas e servizos públicos esenciais nos 93 concellos da provincia, pero especialmente no municipios rurais, con menor poboación e capacidade económica".

Lembrou que os concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte reciben este ano 8,7 millóns de euros na achega inicial do POS+2024, dotada con 50 millóns de euros para toda a provincia, pero que irá incrementándose ao longo do exercicio para chegar a entre 90 e 100 millóns de euros anuais. "Este ano imos chegar a cifras de marca", anunciou.