Estás en:Novas

A Deputación da Coruña lidera cinco Plans de sustentabilidade turística que benefician a 25 concellos da provincia con 8 millóns de euros

Formoso destaca na reunión coa secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, que a concesión de cinco Plans de Sustentabilidade Turística (PSTD) do Goberno "avala o traballo previo realizado pola Deputación"

Os PSTD da Vía Verde Tambre-Lengüelle (1,3 M€), Xeoparque de Ortegal (1,5M€) e patrimonio militar da Costa de Ferrol (2M€) nacen de proxectos previos do Goberno provincial para pór en marcha a maior Vía Verde de Galicia, promover a declaración de Ortegal como Xeoparque da UNESCO e recuperar as baterías militares da costa de Ferrolterra

A Deputación da Coruña lidera ademais os PSTD dos Fogóns do Anllóns (1,5 M€), e Fragas do Eume (1,5 M€)

A Deputación da Coruña lidera cinco Plans de sustentabilidade turística que benefician a 25 concellos da provincia con 8 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe coa secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, para avaliar o desenvolvemento dos cinco Plans de Sostenibilidade de Destino Turístico (PSTD) cofinanciados con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e liderados pola institución provincial.

Na reunión participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, a subdelegada, María Rivas, e persoal técnico da área de Turismo da Deputación.

Formoso explicou que a Deputación "lidera cinco Plans de Sustentabilidade de Destino Turístico (PSTD) que benefician a 25 concellos coruñeses cun investimento de preto de 8 millóns de euros e que inciden en aspectos relevantes como o ambiental, a recuperación do patrimonio histórico, a gastronomía ou a recuperación de infraestruturas tradicionais que estaban en desuso, como a Vía Verde".

"A concesión destes PSTD por parte do Goberno de España avala o traballo previo realizado pola Deputación en cuestións como o impulso ao Xeoparque do Ortegal, a posta en marcha da Vía Verde Tambre-Lengüelle, a maior de Galicia ou o proxecto de recuperación das antigas baterías militares da costa de Ferrolterra, que o Goberno valorou positivamente para a concesión destes PSTD, dotados con fondos importantes para destinos turísticos sustentables", afirmou o presidente.

Ademais dos citados plans, a Deputación lidera tamén os PSTD dos Fogóns do Anllóns e as Fragas do Eume, dotados con 1,5 millóns de euros cada un deles.

Pola súa banda, a secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, destacou que estes PSTD "forman parte del Plan de Recuperación y Transformación del Gobierno de España, creado tras la pandemia y dotado con 3.400 millones de euros para la transformación del sector turístico, y destinados a hacer nuestros destinos más competitivos, pero también más sostenibles en los ejes medioambiental, económico y social".

"Estos cinco planes de la provincia de A Coruña son un buen ejemplo de cómo transformar un destino para hacerlo más competitivo, para diversificar su producto turístico y desestacionalizar la temporada para tener visitantes de forma más sostenida a lo largo de todo el año con acciones como la puesta en valor del patrimonio", afirmou a secretaria de Estado.

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---