Estás en:Novas

A Deputada de Igualdade, lingua e dereitos civís visita a Fundación Meniños

A área liderada por Soledad Agra colabora con esta entidade no proxecto "O colexio de Benquerer" de educación afectivo sexual para o alumnado de diferentes centros educativos da provincia

Neste curso, participan cerca de 900 escolares de 5º e 6º de primaria de 18 centros educativos

Dende que foi creado o programa, no curso 2021 – 2022, o número de participantes incrementouse nun 43%

A Deputada de Igualdade, lingua e dereitos civís visita a Fundación Meniños

A Fundación Meniños recibiu esta mañá a visita da deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra, no marco da colaboración da Deputación con esta entidade. Este apoio consiste no financiamento do programa "o colexio do Benquerer" a través do que as nenas e os nenos se achegan aos diferentes contidos desde unha óptica de bo trato, respecto, confianza e pensamento crítico, tendo de marco de referencia a educación emocional e a coeducación.


Neste programa a Fundación achega a educación afectivo sexual ao alumnado de 5º e 6º de Primaria dos colexios galegos por medio de actividades e material audiovisual que responda aos intereses e demandas propios desta idade, profundando nas súas inquedanzas e tamén nos cambios tanto físicos como psicolóxicos, cognitivos e relacionais que acontecen nesta etapa.


Incremento da participación
O proxecto ambiéntase no ficticio colexio do Benquerer, un centro domótico de nova construción dirixido por Antía Aloumiños. Nesta curso están a participar case 900 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria de 18 centros educativos da provincia da Coruña. O programa foi creado no curso 2021 -2022 e o incremento do alumnado desde o inicio é dun 43%.


"A educación afectivo sexual entre a rapazada é clave para acadar unha sociedade máis igualitaria", apuntou a deputada. "Os nenos e nenas de hoxe son os adultos de mañá, e é fundamental trasladarlles valores de respecto, pensamento crítico e igualdade, para camiñar cara un futuro mellor".