Estás en:Novas

A Deputación analiza cos concellos da provincia os retos da ciberseguridade na administración local

Formoso destaca que o incremento dos ciberataques, que xa supoñen o 20% dos delitos en España, fai da ciberseguridade un elemento clave para a administración pública

Contar con medidas de prevención e protocolos de actuación son fundamentais para enfrontar os ciberataques con garantías

O alcalde de Carballo e a alcaldesa de Teo contaron as súas experiencias ante os ciberataques que sufriron os seus municipios e destacan a colaboración da Deputación e AMTEGA para solucionalos

A Deputación analiza cos concellos da provincia os retos da ciberseguridade na administración local

Alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia da Coruña participaron esta mañá na Coruña nunha xornada sobre os retos e ameazas da ciberseguridade para as administracións locais organizada pola Deputación da Coruña.

A xornada foi inaugurada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, e contou coas intervencións do conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego Vilar, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia, ademais da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que explicaron ante o resto de rexedores da provincia as súas experiencias ante os ciberataques que os seus municipios sufriron recentemente.

O obxectivo da xornada, explicou o presidente da Deputación da Coruña, "é concienciar aos gobernos locais de que a ciberseguridade é un elemento clave para os concellos". "Non é unha cuestión técnica nin informática, e unha cuestión de organización e goberno", afirmou Formoso, que destacou a gran maioría dos servizos municipais se apoian nunha infraestrutura tecnolóxica que queda paralizada por días ou semanas ante os ciberataques e que pode causar danos serios e incluso a perda irreversible de datos se non se dispón das medidas de prevención e recuperación adecuadas.

Formoso detallou que o cibercrime causa perdas económicas moi relevantes- estimadas no 1,5% do PIB mundial- e representa xa o 20% do total dos delitos en España, incrementándose ano a ano. "Nos vai acabar tocando, así que o mellor que podemos facer como alcaldes e alcaldesas é estar preparados e ter as ferramentas axeitadas para previr estes ataques e para minimizar os seus efectos cando se producen con plans de resposta e recuperación efectivos", afirmou.

O presidente subliñou tamén que a ciberseguridade é unha das liñas principais da Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, que forma parte do nodo de ciberseguridade de Galicia (Ciber.gal) e colabora co Centro Criptolóxico Nacional (CCN) na implantación de perfís específicos de seguridade nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Ademais, é unha das catro deputacións de toda España que contan con certificación no Esquema Nacional de Seguridad (ENS). "Uns sistemas de seguridade que non só dan servizo á Deputación, senón aos concellos da provincia", explicou Formoso.

A xornada contou tamén coa intervención de Simón Rego, conselleiro do Consello de Contas de Galicia, que presentou o recente informe elaborado por este organismo sobre ciberseguridade nas deputacións galegas e que sitúa a institución provincial coruñesa como a que mellor cumpre cos parámetros de ciberseguridade establecidos.

Rego destacou que, ademais do control económico, o Consello de Contas" ten unha función de colaboración na mellora da xestión pública local, que é menos coñecida pero é importante" e incidiu tamén no "incremento exponencial" dos ciberataques, que causan importantes danos económicos cifrados en máis de 6 billóns de dólares cada ano.

Explicou que a Unión Europea destina a ciberseguridade unha décima parte do que dedican os Estados Unidos e incidiu na importancia de concienciar aos rexedores locais de contar con mecanismos de prevención e defensa en caso de ciberataques.

Pola súa banda, o director de AMTEGA, Julián Cerviño, chamou tamén a atención sobre o constante incremento dos ciberataques, especialmente tras a pandemia. "Nos primeiros dous meses de 2024 incrementáronse nun 190% con respecto ao ano pasado", afirmou Cerviño, que destacou que as plataformas de seguridade da administración autonómica bloquearon o ano pasado 167 millóns de ataques".

O directo de AMTEGA destacou a necesidade de "afrontar a transformación dixital e os retos da ciberseguridade de xeito coordinado" e sinalou "o papel clave" da administración local neste asunto.

As experiencias de Carballo e Teo

A xornada contou tamén coas intervencións do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, que narraron as súas experiencias recentes fronte aos ciberataques aos seus concellos e agradeceron a colaboración da Deputación da Coruña e AMTEGA para solucionalos.

"Hai case un ano, o 25 de abril de 2023 ás cinco da mañá, chamáronnos por unha caída de todos os servidores informáticos, que paralizaron completamente a actividade do Concello de Carballo", afirmou Evencio Ferrero, que explicou que o ataque provocou problemas na actividade municipal "durante case un mes".

"Foron semanas intensas, con preocupación e incerteza por parte da poboación. Os delincuentes pedían un altísismo rescate, pero grazas a contar con medidas de seguridade o único que perdemos foi un proxecto, rematado o día anterior, que houbo que volver a reiniciar enteiro", explicou Ferrero, que detallou que tras a crise, procedeuse á renovación do 75% dos equipos informáticos municipais e a posta en marcha dun novo contrato de ciberseguridade, "que estabamos ultimando xa cando se produciu o ataque".

"A situación mellorou, pero non estamos libres de que se produza outro ataque", afirmou o alcalde, que incidiu ante o resto dos rexedores na necesidade de "tomar en serio este tema" e destacou a importancia de contar cos medios de prevención necesarios para evitalos e protocolos de actuación para cando se producen.

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, explicou tamén a súa experiencia, que supuxo "a paralización total do Concello durante catro días". "Dependemos totalmente da informática", afirmou a alcaldesa, que sinalou que "a pesar de que contabamos con ferramentas de seguridade, fomos vulnerables ao ataque" e incidiu na necesidade de que os concellos pequenos conten cun informático no seu cadro de persoal.

Lucía Calvo explicou como se efectuou a creación dun gabinete de crise e se activou o protocolo para ciberataques, que inclúe a denuncia perante a Garda Civil e a coordinación das mensaxes á cidadanía.

A alcaldesa incidiu nos tres aspectos fundamentais fronte aos ciberataques: a prevención, que definiu como "fundamental", a reacción tras o ataque e a concienciación social sobre a importancia crecente deste problema.