Estás en:Novas

A Deputación celebra con éxito a primeira edición da xornada "Erros x Aprendizaxes" co apoio do Clúster do Ecommerce Galego

A inauguración contou coa presenza de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e do presidente do Clúster, Xosé Luis Reza.


Trátase dun evento innovador, que se centra nos erros cometidos na xestión dos comercios electrónicos para promover o aprendizaxe e o crecemento destes negocios en liña.

A Deputación celebra con éxito a primeira edición da xornada

A Deputación da Coruña impulsou en Palexco, na Coruña, a segunda edición da xornada "Erros x Aprendizaxes". Este evento innovador, que se centra nos erros cometidos na xestión dos comercios electrónicos para promover a aprendizaxe e o crecemento destes negocios en liña, contou na inauguración con Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Promoción Económica e Turismo, e de Xosé Luis Reza, Presidente do Clúster do Ecommerce Galego.

O vicepresidente destacou a importancia da colaboración e do traballo en rede. "Con esa finalidade estamos traballando en varios proxectos europeos, con fondos do plan de transformación e resiliencia, que teñen como obxectivos fundamentais a transformación dixital e a sustentabilidade. Así, nace esta xornada organizada pola Deputación, que esperamos sexa a primeira de moitas" explicou Regueira, subliñando o compromiso da Deputación con fomentar un espazo de aprendizaxe mutua e de innovación colectiva entre os profesionais e empresas do Ecommerce da provincia da Coruña.

Xosé Regueira sinalou tamén a necesidade de adoptar un enfoque proactivo cara á transformación dixital: "Temos que ser máis conscientes agora de dar pasos firmes para esa transformación dixital que xa está aquí. Somos totalmente conscientes da necesidade de dixitalización para o progreso económico, empregabilidade, para a xeración de benestar á sociedade e ao seu futuro," afirmou. Engadiu que a xornada era unha oportunidade para aprender dos erros e impulsar a sustentabilidade e a cohesión no sector.

Pola súa banda, Xosé Luis Reza agradeceu a presenza dos relatores e afirmou: "Nun sector coma o noso onde todo vai tan rápido, onde a tecnoloxía nos desborda, é importante que a curva de aprendizaxe sexa cada vez menor. O Clúster do Ecommerce Galego nace precisamente para iso, para que, entre todos, os camiños que se han percorrer sexan máis doados. Que os erros que comete un e que lle sirve de aprendizaxe se traslade ao resto dos membros rapidamente. Deste xeito, gañaremos en competitividade, seremos máis eficientes e o tamaño dos nosos negocios non será un factor decisor."

O programa da xornada contou coa participación de destacados comercios electrónicos como Vazva, Mooquer, MMG Racing Store, Sibari Republic e Joselto, así como con expertos do calibre de Miguel Sánchez, ex-Ingeniero en Google e ex-Director General en iProspect, e María Blanco, mentora de emprendemento en diversos proxectos de comercio en liña. Ademais, Dinahosting e Galvintec ofreceron solucións innovadoras para mellorar a competitividade dos comercios electrónicos.

A xornada concluíu cun cóctel-networking que facilitou o intercambio de ideas e contactos entre os asistentes. A Deputación da Coruña e o Clúster do Comercio Electrónico Galego agradecen a todos os relatores e colaboradores o seu esforzo e dedicación para facer posible este evento.