Estás en:Novas

A Deputación destina este ano 196.000 euros a subvencións para os investimentos culturais de 78 corais, bandas e entidades de música e baile tradicional

A institución provincial financiará tamén neste exercicio con 199.500 € o programa de axudas para o desenvolvemento de actividades das asociacións sen fins de lucro representantes dos sectores profesionais e amadores da cultura galega

A Deputación destina este ano 196.000 euros a subvencións para os investimentos culturais de 78 corais, bandas e entidades de música e baile tradicional

O BOP publicou a concesión de subvencións de dous programas de apoio á cultura, nos que a Deputación investirá este ano preto de 400.000 euros. A institución provincial reservará unha partida de 196.035€ para o programa FO214/2024, de subvencións a corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato da provincia da Coruña, para a realización de investimentos culturais durante o ano 2024. As axudas chegarán a 78 beneficiarios.

A Deputación aprobou tamén un orzamento de 199.424€ para o programa FO215/2024, de subvencións para o desenvolvemento en 2024 de actividades sen fins de lucro con función de representación sectorial e colectiva a nivel galego das persoas ou entidades dos diferentes sectores profesionais e amadores da cultura galega. Neste caso, as axudas repartiranse entre 17 beneficiarios.

"Con este investimento de case 400.000 euros", explicou a deputada de Cultura, Natividade González, "no noso departamento seguimos apostando por facilitar o traballo das entidades. Neste caso, por unha banda, no ámbito da cultura amadora nos campos da música tradicional e popular, cuxas entidades e colectivos son pezas chave na dinamización sociocultural dos nosos concellos e fan un moi importante labor de formación musical de base, transmisión de valores culturais e cohesión social. E por outra, nun eido de importancia singular dentro do sistema cultural galego: o das entidades sen ánimo de lucro que vertebran os procesos de análise, proposición e demanda dos diferentes sectores da nosa cultura, actuando como as asociacións representativas destes na súa interlocución coa administración e no seu traballo de posta en valor e difusión social do seu campo de acción".

Para González, "a existencia deste tipo de entidades resulta non só relevante para os propios sectores, senón tamén para os propios poderes públicos, que teñen nelas axentes válidos e valiosos para a definición e contraste das políticas culturais". "É por iso", concluíu, "que desde esta área de Cultura consideramos precisa a existencia dunha liña de subvencións propia para elas e axeitada ás súas dinámicas e natureza".