Comeza a Feira do libro de Ferrol 2024, que volve contar co apoio de Cultura da Deputación
Na inauguración participou a deputada de Cultura, Natividade González, quen salientou a importancia dunha cita "que nos permite contribuír ao desenvolvemento cultural da nosa sociedade e fomentar o hábito da lectura"
Co lema "Atopa a túa historia", esta mañá inaugurouse na Praza da Constitución a Feira do libro de Ferrol 2024, nun acto no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e Manuel Rodríguez, da libraría Metrópolis, en representación da Federación de Librarías de Galicia, organizadora da feira, que conta co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol. Pechou o acto a pregoeira, a viguesa Paula Merlán, unha das autoras referentes na literatura para público infantil.
González comezou a súa intervención recoñecendo o labor dos organizadores: "Somos conscientes do moito esforzo, dedicación e compromiso que require, pero ao mesmo tempo é unha tarefa moi gratificante, xa que nos permite contribuír ao desenvolvemento cultural da nosa sociedade e fomentar o hábito da lectura entre as persoas".
A deputada falou tamén da importancia das feiras do libro, "que as institucións públicas temos a obriga de apoiar, o mesmo que ás librarías, un valor para a sociedade, mesmo no económico".
"O que comeza hoxe é evento cultural de gran calidade e primeira das feiras do libro galegas da tempada, onde podemos atopar unha ampla variedade de libros e autores. E estou convencida que co fermoso lema que nos acompaña este ano, todos e todas atoparemos a nosa historia", rematou.
Libraría Pedreira, Metrópolis Cómics, Libraría Cartabón, Edicións Embora, Central Librera Real, Librería Estraviz e Central Librera Ferrol instalarán as súas casetas desde hoxe ata o domingo, nunha cita que reunirá a unha vintena de autores en máis de 30 citas lectoras; entre eles Abril Camino, Eugenia Tenenbaum, Juan Galán, Manuela Santalla, Guillermo Llorca, Rober H.L. Cagiao ou Xoán Rubia.
Ademais de libros, a feira —"termómetro das Feiras do Libro anuais", en palabras de Manuel Rodríguez— ofrecerá un interesante programa que inclúe actividades para a cativada, faladoiros e, por suposto, firmas dos autores.