Estás en:Novas

Pontedeume, Muros e Cerdido súmanse ao proxecto Concello Dixital e arrancan a súa modernización administrativa

A Deputación da Coruña presentou nas sedes municipais as liñas mestras para a transformación dixital nos concellos de Cerdido, Muros e Pontedeume

Pontedeume, Muros e Cerdido súmanse ao proxecto Concello Dixital e arrancan a súa modernización administrativa

A transformación dixital das entidades locais da provincia da Coruña segue avanzando ao ritmo da folla de ruta deseñada pola Deputación da Coruña desde o proxecto Concello Dixital. Deste xeito, tres novos concellos sumábanse a comezos deste mes ao compromiso pola modernización administrativa.

Así, as sedes municipais dos concellos de Cerdido, Muros e Pontedeume acolleron sendas presentacións das liñas mestras do proxecto, que supuxeron o arranque formal dos traballos co inicio da fase de implantación.

Os encontros mantidos polos representantes administrativos e políticos cos técnicos da Deputación coruñesa serviron para detectar necesidades, analizar información e elaborar o plan de traballo personalizado para cada un dos concellos.

Segundo explicou o deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, o obxectivo das actuacións é "acadar a plena dixitalización dos servizos administrativos nas entidades, o que se traducirá nunha maior eficiencia administrativa nos concellos e na mellora da calidade dos servizos que prestan á cidadanía".