Estás en:Novas
Día do libro

Luis Mateo Díez

Premio Cervantes 2023

Luis Mateo Díez

Co gallo do Día do Libro, este ano na Biblioteca provincial homenaxeamos a Luís Mateo Díez, gañador do Premio Cervantes 2023, o máis importante galardón das letras españolas, que lle será entregado o Día do Libro en Alcalá de Henares.

Para celebralo, engalanamos a nosa biblioteca cunhas vistosas bandeirolas con frases das súas obras e curiosidades acerca do Día do Libro... a que non as sabías todas?. Tamén creamos un centro de interese cos seus libros en préstamo, para que poidas levalos a casa, e un carrusel na eBiblioDaCoruna, onde podes atopar as súas mellores obras

No noso Club Lector comezamos hoxe a ler a súa obra La fuente de la edad e no obradoiro de lectura de adultos lemos El reino de Celama. Ademais, montamos unha pequena exposición, con libros dedicados da súa propia man e documentos de arquivo enviados a César Antonio Molina que podes visitar no segundo andar da biblioteca, na Sala César Antonio Molina – Mercedes Monmany

fotoefectos.com_.jpg

Biografía

Luis Mateo Díez naceu en 1942 en Villablino, unha pequena vila leonesa rodeada de montañas, na casa do concello onde o seu pai era secretario. Quizais aprender a correr por ese primeiro andar, onde estaba o xulgado de paz e a cela de presos transeúntes ou perderse no faiado, onde estaban os restos dun hospital de sangue bélico foi o que fixo del un rapaz dunha esperta imaxinación.

Nese faiado descubría os libros prohibidos, os requisados pola censura, que en moitas ocasións foron as súas primeiras lecturas. Entre eles atopábase Corazón, de Edmundo de Amicis, (con contos como De los Apeninos a los Andes, El pequeño estudiante florentino...) que marcou a súa infancia e o resto da súa vida

Tivo unha infancia de neno de posguerra, entre tímido e descarado. Un neno co que nunca se levou ben, pola súa gran vida interior, polos seus problemas para amoldarse á vida cotiá. Un neno ao que lle encantaba escoitar extasiado nos fiandóns e faladoiros, onde a xente se reunía, contaba e comentaba. Luís Mateo bebeu da oralidade, das historias ao calor do lume, e do Quixote nos beizos do seu mestre. E aí comezou a escribir

Cando anos despois un mozo Luís Mateo chega a Madrid a estudar dereito, vai na súa pel un inconformista, un mozo que escribe e que fai en León unha revista que se chama Claraboya, que loitaba pola liberdade de vivir nesa España de posguerra e foi deixando de lado os estudos

A súa primeira novela, Las estaciones provinciales conta a vida dun xornalista de provincias nun xornal. Publica en 1982 La fuente de la edad, que recibiu o Premio Nacional de Narrativa e o Premio da Crítica, unha novela que fala da falta de imaxinación nesa sociedade española gris dos 50, pero o seu gran salto foi coa aparición da triloxía de Celama, un universo propio, un reino inventado, un territorio provincial, onde o noso autor organiza todo o seu mundo literario

É o único autor en lingua castelá que obtivo en dúas ocasións o Premio Nacional de Narrativa e outras dúas o Premio da Crítica, grazas ás súas novelas La fuente de la edad (1986) e La ruina del cielo (1999).

A partir do ano 2000, no que tomou posesión da cadeira "I" da Real Academia española, os recoñecementos acumúlanse, recibindo entre outros o Premio Nacional das Letras Españolas e o Premio Cervantes, o máis importante galardón en lingua castelá. La fuente de la edad foi rodada para Televisión Española. Algunhas das súas obras foron levadas ao cinema, como Los grajos del Sochantre, El filandón e Viene una chica.

O seu estilo narrativo profundo, reflexivo e cheo de humor, así como a súa capacidade para conectar co lector convérteno nun dos referentes da literatura contemporánea en España