Xiana Lastra
#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras
Xiana Lastra
Actualmente é a cantante do grupo A banda da Loba, deseñadora e produtora en Seispés Producións Creativas e Presidenta de Músicas ao Vivo. Tamén escribiu xunto ao sei pai varios libros infantís aos que tamén lle puxo voz.
Respecto á súa formación académica, é Licenciada en Xornalismo e Comunicación e Audiovisual. Ademais, estudou piano no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol e formouse en técnica vocal e canto con personaxes relevantes como a mezzosoprano Mª Xosé Ladra, Ramón Bermejo ou Robert Sussuma.
Traballou como redactora de informativos en TVE e a TVG, onde tamén desenvolveu traballos de produción en programas de corte cultural como Planeta Cine e Miraxes. Posteriormente, no 2012, creou xunto aos seus dous socios a produtora Seispés Producións Creativas, dedicada ao audiovisual, o deseño gráfico, a comunicación e a produción e promoción musical, centrándose principalmente nesta última tarefa e traballando de representante de grupos como a propia A banda da Loba, Tanxugueiras, Monoulious DOP, Pesdelán ou MJ Pérez e realizando campañas de promoción en medios doutros moitos proxectos como o emblemático grupo A Roda ou o gaiteiro Anxo Lorenzo.
Respecto á súa carreira musical, imparte clases de técnica vocal en diversos monográficos ou de maneira habitual na asociación compostelá Cantigas e Agarimos durante varios anos. É coautora xunto ao seu pai, Xosé Lastra, dos libro-disco A miña primeira Rosalía e O meu primeiro Celso Emilio, publicados por Xerais. Nestes mesmos proxectos puxo a voz acompañada por María Manuela, Mini e Mero e unha gran banda de músicos/as do país entre os que se atopaban persoeiros coñecidos como Nani García, Xurxo Varela, Roberto Grandal, Simón García, Manuel e Pepe Dopico, Paco Barreiro, Pablo Sabio ou Nuria Lestegás.
Tamén foi vocalista do grupo de percusión Odaiko Percussion Group, do trío Puntada sen fío e, actualmente, d' A banda da Loba. A banda da Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo. Mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular. Bailando as rúas é o título do seu primeiro traballo, enteiramente autoproducido e editado no Nadal de 2017. En marzo de 2018 gañaron o certame aRi[t]mar de música galega portuguesa.
Obra
• O meu primeiro Celso Emilio. Vigo: Xerais, 2012 [P 869.9 MEU / a]
Cando se cumpren os cen anos do seu nacemento, O meu primeiro Celso Emilio é unha homenaxe sentida a unha persoa o escritor Celso Emilio Ferreiro que, mesmo por riba da súa evidente e recoñecida valía literaria, estivo en todo momento coa xente e a xente foi canda el, levando sempre Galicia e a nosa lingua no corazón.
• A miña primeira Rosalía. Vigo: Xerais, 2013 [P 869.9 CAS miñ / a]
Cando se fan cento cincuenta anos da publicación de Cantares gallegos, A miña primeira Rosalía é unha homenaxe a Rosalía de Castro, que puxo a súa voz e a súa vida ao servizo da dignificación da nosa lingua, das mulleres e dos desfavorecidos, en tempos nada propicios. Este libro reúne unha biografía, unha antoloxía poética e doce poemas musicados e cantados. Inclúe CD con interpretacións de María Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra.
Discografía
• Bailando as rúas (2017).
• Fábrica de luz (2019).
• Hasme oír (2021). EP.
• Xabón lagarta (2022).
A Banda da loba en Spotify