Estás en:Novas

Formoso reivindica a necesidade de apostar polas enerxías renovables para impulsar a reactivación industrial de Galicia

"A Unión Europea chamou á porta de Galicia para protagonizar un sector estratéxico como a enerxía, algo que pasa moi poucas veces", afirmou o presidente

Formoso reivindica a necesidade de apostar polas enerxías renovables para impulsar a reactivación industrial de Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá en Palexco (A Coruña) na inauguración da III edición do Foro Económico "La Galicia que viene", organizado por El Español e Quincemil.

Formoso sinalou que a provincia da Coruña "é unha potencia" en sectores tan diversos coma o téxtil, o conserveiro, o forestal ou o da construción naval e reivindicou a necesidade de apostar polas enerxías renovables para impulsar proxectos estratéxicos para a reactivación industrial de Galicia.

"A Unión Europea chamou á porta de Galicia para protagonizar un sector estratéxico como a enerxía, algo que pasa moi poucas veces", afirmou Formoso, que lembrou que a guerra de Ucraína "puxo de manifesto a dependencia enerxética de Europa de países como Rusia" e a necesidade de substituír o gas natural ou outros combustibles fósiles por enerxías renovables

O presidente da Deputación referiuse aos proxectos de parques eólicos vinculados a industrias estratéxicas para o futuro da comunidade. "Proxectos como Alcoa son inviables sen eólica. Ninguén vai comprar Alcoa nin vai impulsar proxectos de hidróxeno verde se non temos unha eólica ben deseñada" e "titorizada" pola administración, afirmou o presidente que subliñou que Galicia "é a segunda potencia eólica de España".