Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación prevé investir un total de 3.326.509 € na comarca de Fisterra

Este importe inclúe o investimento da fase inicial e o adicional cuxas partidas se aprobaron no último pleno da entidade provincial, e repártese os concellos de Corcubión, Dumbría, Muxía, Fisterra e Cee reciben

A deputada de plans provinciais, Cristina García, visitou esta mañá o municipio co deputado Xosé L. Penas, onde presentou os datos do Plan Único e coñeceu algunhas das obras financiadas cos fondos da Deputación

O Plan Único da Deputación prevé investir un total de 3.326.509 € na comarca de Fisterra

O concello de Corcubión acolleu esta mañá a visita da deputada de plans provinciais, Cristina García, e o deputado de patrimonio, Xosé L. Penas, que se reuniron co alcalde, Xabier Domínguez, e coa corporación municipal para abordar os investimentos do Plan Único no municipio.

Esta ferramenta de financiamento das obras e servizos municipais contempla en toda a comarca de Fisterra un investimento de máis de 3 millóns de euros para 2024, que se reparten entre os concellos de Corcubión, Muxía, Dumbría, Fisterra e Cee. Esta cantidade inclúe o importe da fase inicial, que alcanzou os 1.681.197,34 € e o adicional, cuxas partidas foron aprobadas o pasado venres no pleno da Deputación, que suma 1.645.311,97 €.

A deputada presentou tamén os datos do concello de Corcubión, que chega aos 251.260,59 € sumando os 126.985,56 € da fase inicial e os 124.275,03 € da adicional. Grazas a esta achega, o concello de Corcubión poderá financiar actuacións de rehabilitación da zona histórica, entre outras, que se suman a algunhas xa executadas como a reurbanización da avenida da Viña, que os deputados coñeceron durante a súa visita.

"En casos coma este de Corcubión é nos que o Plan Único cobra todo o seu sentido", salientou Cristina García. "Esta ferramenta está pensada para que os veciños e veciñas de concellos pequenos, como o de Corcubión, poidan ter mellores servizos e, polo tanto, unha mellor calidade de vida".